Gerardo Sánchez López, nado en Sobrado en 1953 e finado o 1 de xaneiro de 2018[1], foi un político galego.
Traxectoria
Traballador da siderúrxica Sidegasa de Teixeiro, colaborou na fundación da UXT e na súa expansión no sector siderúrxico e nas comarcas betanceira e montañesa. Asemade, tamén colaborou dende os albores da democracia na implantación do PSdeG-PSOE na zona do interior coruñés, presidindo o comité comarcal do partido.
Foi o candidato socialista á alcaldía de Sobrado nas municipais de 1979 e foi elixido alcalde, con tan só un concelleiro, grazas ao apoio que lle deron UCD e AP para evitar o acceso á alcaldía da candidatura independente que fora a gañadora. Nas municipais de 1983 volveu ser reelixido tras lograr a vitoria o PSdeG-PSOE con 4 concelleiros. Perdeu a alcaldía nas eleccións de 1987 ao pasar a 3 concelleiros e verse superado pola CPG de José María Sánchez Peteiro que tivo 5 e conseguiu a alcaldía.
En novembro de 1988 promoveu unha moción de censura co resto de grupos da oposición, AP e PNG, contra o alcalde Sánchez Peteiro propoñendo como alcalde ao entón aliancista Emilio Varela Bugallo. Aínda que a dimisión do alcalde acabou freando a moción, Varela Bugallo logrou a alcaldía na consecuente investidura en febreiro de 1989, e Sánchez López pasou a formar parte do goberno municipal.
Tralas municipais de 1991, os socialistas mantiveron 3 concelleiros, pero véndose superados polo PPdeG de Sánchez Peteiro (4) e a CNG encabezada polo alcalde Varela Bugallo (3). Logrou a alcaldía tralo pleno de investidura, co apoio de edís da CNG e un independente, porén presentou rapidamente a dimisión, consciente da febleza dos seus apoios, e retomou a alcaldía Emilio Varela Bugallo da CNG co apoio do PPdeG co que acordou un goberno e a cesión da alcaldía a metade da lexislatura. Este acordo rachouse, sen chegar a producirse a cesión da alcaldía a Sánchez Peteiro, logrando a alcaldía o número 2 socialista, Juan Morandeira García, en setembro de 1994.
Nas municipais de 1995 o PSdeG mantívose en 3 edís, sendo superado nesta ocasión polos Independentes de Jacobo Fernández, que incluían anteriores membros da CNG e do PPdeG e lograron 5 concelleiros, e os 3 do PPdeG que seguía encabezando Sánchez Peteiro. Os socialistas apoiaron a José María Sánchez Peteiro como alcalde, pasando a formar un goberno de coalición. En novembro de 1997 rompeuse o pacto, e en xaneiro de 1999 Sánchez López e outro concelleiro socialista apoiaron unha moción de censura que fixo alcalde ao independente José López Sánchez, pasando a ser Sánchez López tenente de alcalde ata as eleccións municipais de xuño dese mesmo ano.
Neses comicios concorreu como número 3 da lista do PPdeG, que integrou aos independentes e que encabezou Jacobo Fernández, logrando a maioría absoluta con 7 concelleiros, e excluíndo a Sánchez Peteiro que encabezou Democracia Galega con 2 edís. O PSdeG trala marcha de Sánchez López logrou outros 2 edís. Tras este mandato, anunciouse que nun principio que concorrería ás municipais de 2003 a través da Unión Democrática Independente, se ben acabou desistindo finalmente, e non volveu formar parte de máis candidaturas ata o seu falecemento o 1 de xaneiro de 2018.[2]
Vida persoal
Casou con María Ángeles Vaamonde Fernández e foi pai de Sandra e Adrián Sánchez Vaamonde.
Notas
- ↑ Necrolóxica en La Voz de Galicia, 2-1-2018, p. 38.
- ↑ La Voz de Galicia, A Coruña, 2-1-2018, p. 6.
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas