O Gemini Agena Target Vehicle (abreviadamente, GATV) foi un modelo de foguete Agena usado durante o programa Gemini como vehículo obxectivo para as cápsulas tripuladas do programa para facer prácticas de cita espacial e atraque.[1][2]
Características
Os GATV consistían en etapas Agena D modificadas coa adición dun colar de atraque, un panel visualizador e capacidade de reencendido do seu motor Bell 8247. Os GATV chegaban a órbita con suficiente reserva de propelente como para propulsar ó conxunto GATV-Gemini a órbitas altas, ata a beira dos cintos de radiación.[1][2]
Os GATV estaban divididos en tres seccións:
A sección auxiliar, con espazo para equipos auxiliares e no que estaba situado o porto de atraque, situado baixo a cofia (durante o lanzamento).
A sección Agena D media, cos equipos principais e os tanques de propelente.
A sección posterior, co motor principal Bell 8247 capaz de varias ignicións e os motores auxiliares de manobra, máis pequenos, Bell 8250.[1][2]
O panel visualizador (ASP, Gemini-ATV Status Panel) estaba situado sobre o porto de atraque do GATV, onde era visible para os astronautas desde a cápsula Gemini durante e despois do atraque. O panel era capaz de mostrar información sobre o estado e seguridade dos diversos sistemas do GATV: guiado, propulsión, enerxía, atraque... O panel estaba formado por nove luces e tres diais analóxicos e os circuítos asociados a cada sistema.[1][2]
En total lanzáronse seis GATV, dous deles fallados.[1][2]