Gemini 10

Gemini 10
Insignia da misión Gemini 10
TipoTripulado
OrganizaciónNASA
Destino actualReentrado na atmosfera.[1]
Data de lanzamento18 de xullo de 1966, 22:20:26.648 GMT[1][2][3][4]
Foguete portadorTitan II GLV[2][5]
Sitio de lanzamentoCentro Espacial de Cabo Cañaveral, rampla LC-19[2]
Duración da misión2,95 días (70 horas, 46 minutos e 39 segundos)[6]
Obxectivo da misiónExperimentos e prácticas de manobras con nave tripulada.[2]
Decaemento21 de xullo de 1966[1]
NSSDC ID1966-066A
Masa3762,6 kg[2][6]

Gemini 10 foi unha das misións tripuladas do programa Gemini. A tripulación da Gemini 10 estaba formada por John Young e Michael Collins, sendo a tripulación de apoio Clifton Williams e Alan Bean. Durante a misión realizouse a primeira cita espacial con dúas naves diferentes (entre a nave Gemini e os GATV 10 e GATV 8) no mesmo voo e o primeiro paseo espacial dunha nave a outra, feito por Collins (de dous que levou a cabo), recuperando un experimento sobre micrometeoritos. Tamén marcou un récord de altitude no seu momento, alcanzando os 764 km de altura.[2][6]

Desenvolvemento da misión

Secuencia de erección e lanzamento do Titan II GLV coa Gemini 10.

A Gemini 10 foi lanzada o 18 de xullo de 1966 ás 22:20:26.648 GMT mediante un foguete Titan II GLV. A órbita inicial tiña un apoxeo de 259 km e un perixeo de 160 km, cunha inclinación orbital de 28,9 graos e un período orbital e 88,7 minutos. No momento da inserción orbital, Gemini 10 atopábase a 1600 km por detrás do GATV 10, lanzado uns 100 minutos antes. Os obxectivos principais da misión foron conseguidos durante a cuarta revolución da Gemini 10 arredor da Terra, cando se atopou co GATV 10, ás 5 horas e 23 minutos do comezo da misión, acoplándose media hora máis tarde. Debido a unha inclinación orbital inicial diferente da planeada, para a cita e o acoplamento se usou o dobre do propelente planeado, obrigando a facer algúns cambios no plan de voo, polo que varios experimentos e prácticas adicionais de acoplamento non puideron levarse a cabo. Para aforrar propelente e cumprir algúns obxectivos adicionais, a Gemini 10 permaneceu unida ó GATV 10 durante 39 horas para usar o sistema de propulsión deste último, e durante as cales se levaron probas para estudar a dinámica das naves acopladas, se fixeron dous paseo espaciais e se levaron a cabo varios experimentos. O sistema de propulsión principal do GATV 10 foi usado para elevar o apoxeo do conxunto Gemini 10 - GATV 10 ata os 764 km. Un segundo encendido do motor do GATV 10 levou ó conxunto á mesma órbita que o GATV 8, lanzado o 16 de marzo dese mesmo ano para a misión Gemini 8.[2][6]

ÁS 16:44 EST a tripulación despresurizou a cabina e abriu os zapóns. Collins estivo facendo observacións astronómicas no ultravioleta ata que comezou a súa caminata espacial. Durante a mesma ámbolos dous astronautas (tanto Collins, en medio do paseo espacial, como Young, no interior da cápsula) experimentaron irritación ocular de orixe non identificada, co que Young ordenou o fin do paseo. Despois de que Collins regresara ó interior da cápsula ás 17:33 EST usouse oxíxeno para purgar o sistema de control ambiental.[2][6]

A Gemini 10 separouse do GATV 10 ás 44 horas e 40 minutos do comezo da misión (14:00 EST do 20 de xullo) e manobrou para situarse a uns 15 metros do GATV 8, momento no que comezou a segunda caminata espacial. Ás 18:01 EST (48 horas e 41 minutos desde o comezo da misión) a cabina foi despresurizada de novo e Collins saíu de novo unido polo umbilical á súa nave para acercarse ó GATV 8, onde retirou o experimento de micrometeoritos. Durante o paseo espacial Collins perdeu a súa cámara, e retirou o experimento de micrometeoritos situado na Gemini 10, que tamén perdeu mentres entraba na cápsula. A duración do paseo espacial foi de 25 minutos, limitado pola falta de propelente na Gemini 10. Os zapóns pecháronse ás 18:40 e foron reabertas ás 19:53 para desfacerse de doce obxectos sobrantes antes da reentrada. Tras unhas tres horas manobrando para permanecer cerca do GATV 8, a tripulación levou a cabo unha manobra para axustar a anomalía verdadeira e minimizar as dispersións da reentrada atmosférica debidas ó disparo dos retrofoguetes, que tivo lugar ás 70 horas e 10 minutos no tempo da misión, durante a volta número 43.[2][6]

O motor do GATV 10 funcionando, visto desde a Gemini 10.

A cápsula amarou ás 16:07:05 EST do 21 de xullo a uns 5 km do punto previsto e a 875 km de Cabo Cañaveral, á vista do buque de recuperación, o portaavións Guadalcanal. A tripulación foi recuperada ás 16:34 e nave foi levada a bordo do portaavións ás 17:01. O tempo total de duración da misión foi de 70 horas, 46 minutos e 39 segundos, durante o cal se cumpriron tódolos obxectivos excepto as prácticas de atraque e o experimento de contraste do terreo debido á falta de propelente.[2][6]

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "GEMINI 10" (en inglés). Consultado o 11 de febreiro de 2013. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 NASA (14 de maio de 2012). "Gemini 10" (en inglés). Consultado o 11 de febreiro de 2013. 
  3. "Letter dated 30 September 1966 from the Permanent Representative of the United States of America addressed to the Secretary-General" (PDF) (66-24765). 11 de outubro de 1966: 4. Consultado o 24 de marzo de 2020. 
  4. Claude Lafleur (2010). "Gemini X" (en inglés). Consultado o 11 de febreiro de 2013. 
  5. Gunter Dirk Krebs (2011). Gunter's Space Page, ed. "Gemini 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9, 10, 11, 12" (en inglés). Consultado o 11 de febreiro de 2013. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 Mark Wade (2011). "Gemini 10" (en inglés). Consultado o 11 de febreiro de 2013. 

Véxase tamén

Outros artigos