A gatafornela[2] (Circus cyaneus) é unha ave de rapina que cría na parte setentrional do hemisferio norte, incluíndo Canadá e parte dos Estados Unidos e o norte de Eurasia
Descrición
Son rapaces de ás longas, dunha envergadura de ata 105 cm, que manteñen formando un V cando voan baixo. Os machos miden uns 43 cm de lonxitude fronte ós aproximadamente 51 cm das femias. Os machos pesan entre 300 e 400 g; as femias, claramente máis pesadas, de 410 a 710 g. Os dous sexos teñen plumaxes ben diferenciadas: as femias, moi semellantes ás doutras especies da familia, son castañas por riba, coas plumas cobertoiras da cola brancas e manchas castañas na parte inferior do corpo. Os machos adultos teñen o lombo gris cinza, a cabeza e o peito son cincentos, as puntas das ás son negras. Diferéncianse doutras especies do xénero Circus pola falta da faixa alar negra. Os exemplares novos son semellantes á femia, castaños coa parte inferior raiada.
Son aves barulleiras, doadas de escoitar nos arredores do niño.
Hábitat e distribución
Son aves en xeral de paisaxes abertas: uzais, pantanos e zonas acuáticas con áreas de canaval. Estivo espallada case por toda Europa, coa excepción de Islandia, o norte de África e o oeste de Asia, pero hoxe desapareceu de moitas zonas. En Galicia é unha especie catalogada como vulnerable[3], estimándose que había en 2006 entre 68 e 119 parellas.[4]
Taxonomía
Comprende dúas subespecies, só unha segundo algúns autores:
Circus cyaneus cyaneus: que cría en Eurasia.
Circus cyaneus hudsonius: norteaméricana, de exemplares con plumaxe máis escura e considerada por algúns ornitólogos unha especie separada co nome científico. C. hudsonius
Alimentación
Capturan as presas voando baixo coas ás formando un V e aproveitando os obstáculos do terreo para agacharse e caer sobre delas por sorpresa. O seu alimento principal son mamíferos pequenos e paxaros, aínda que capturan e comen tamén lagartos, ras e insectos. Os exemplares máis grandes poden atrapar crías de coello e perdices.
Reprodución
A partir dos meses de marzo ou abril comezan os seus voos de exhibición, moi vistosos. A parella voa xunta formando curvas, interrompidas por ascensos verticais do macho seguidos de caídas en picado. En ocasións un macho experimentado aparéllase con varias femias e ten que fornecer tódolos niños con alimentos.
Fan niños relativamente pequenos, construídos con herbas, follas e pauciños no chan, en zonas de vexetación mesta, preferentemente de terreos abertos. Poñen, cuns dous días de separación entre ovo e ovo, de 4 e 6 ovos con coloracións que varían do branco ó azul claro. Chocan entre 28 e 31 días, e os polos fican no niño 6 ou 7 semanas. Coma en case tódalas aves que crían no chan, as perdas de ovos e polos son moi elevadas: só chegan a voar de media 1,2 polos por niño, dos que o 60% morren no primeiro ano de vida.
Migracións
Na Europa occidental son aves sedentarias, mentres que os exemplares rusos e escandinavos pasan o inverno máis ó sur, no sur e centro de Europa e Turquía.