Gómez Pérez das Mariñas foi un nobre galego do século XV. Probabelmente nado en Betanzos, os seus dominios estendíanse polas terras comprendidas entre Betanzos e A Coruña.
Traxectoria
Foi home de sona e grande influencia en Galicia. Sendo aínda un mancebo estivo na corte do rei Xoán II que sentía moito aprecio por el. Mesmo favoreceuno o 18 de agosto de 1452 ao estender unha cédula pola que lle concede a fortaleza de Cillobre.
Tamén serviu con lealdade ao rei Henrique IV. Por mandato seu defendeu a cidade da Coruña contra o conde de Benavente. O rei concedeulle en 1467 a propiedade dunhas casas na Coruña como compensación dos gastos que lle ocasionara a defensa da cidade.