Félix Zubizarreta Ezpeleta, nado en Bilbao o 3 de maio de 1894[1] e finado en Caracas en 1943, foi un futbolista vasco. Xogaba de dianteiro e a súa breve carreira como futbolista transcorreu de xeito íntegro no Athletic Club.
Foi avó do futbolista venezolano Iker Zubizarreta, que tivo unha actuación destacada nos Xogos Olímpicos de 1980 en Moscova.
Traxectoria
Zubizarreta foi un destacado dianteiro do Athletic Club entre 1914 e 1917. Debutou o 18 de xaneiro de 1914, marcando cinco goles na vitoria por 12-0 contra o Irún Sporting do Campionato Rexional do Norte, converténdose así no primeiro xogador en marcar cinco goles nun partido oficial co equipo vasco, ademais de lograr o primeiro triplete no estadio de San Mamés que fora inaugurado cinco meses antes.[2]
O 2 de maio de 1915 marcou un dos goles do seu equipo na final da Copa do Rei contra o RCD Espanyol (5-0) e un ano despois fixo un hat-trick na final contra o Real Madrid (4-0).[3] Na súa etapa como xogador rojiblanco, acadou 27 goles en só 29 partidos oficiais, a pesar de coincidir con outro gran goleador como Pichichi.[4] Gañou tres Campionatos Rexionais do Norte e tres Copas do Rei. A pesar dos seus bos números goleadores era constantemente criticado pola afección do Athletic e a súa paciencia esgotouse nun encontro amigable contra o Real Madrid (o primeiro do equipo madrileño en San Mamés), no que foi apupado dende a bancada, polo que decidiu abandonar o terreo de xogo e non volver xogar nunca máis.[4]
Dedicouse entón a estudar e durante a Guerra Civil foi nomeado xefe de recrutamento do goberno vasco. O seu cargo e a súa ideoloxía nacionalista vasca fixeron que tivera que exiliarse en Venezuela, xunto á súa muller Juanita Torre e os seus nove fillos. No país caribeño rexentou un negocio de madeira, ata que morreu en Caracas aos 49 anos.[4] O seu neto Iker Zubizarreta foi tamén futbolista.[5]
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas