A Fundación Paideia Galiza foi constituída en 1986 como un espazo aberto, con vocación interdisciplinar e pluridimensional que abarca formación, intervención e investigación, especialmente en Ciencias Humanas e Sociais.
Historia
A súa creación foi promovida pola empresaria Rosalía Mera en 1986, cos primeiros programas de Formación, Investigación e Divulgación.
En 1990 a fundación crea os Premios Marcos Ortega Mera, na honra do fillo da propia fundadora e Amancio Ortega, e publica a "Educación Crítica" dentro da Colección Paideia-Morata. Durante o curso 1991-1992 impártese o primeiro mestrado en Xerencia de Servizos Sociais.
En 1995 foi inaugurada a súa sede central na coruñesa praza de María Pita.
En 1998 crea o Grupo Trébore SL de empresas de economía social e o Servizo de Asesoramento Xurídico e Social para ofrecer solucións a problemas de tipo xurídico no ámbito da discapacidade e a exclusión social.
En 2001 constitúe a Agrupación Deloa, un proxecto integral para a investigación e actuación para o desenvolvemento local nas comarcas da Barbanza, Sar, Muros e Noia e así, en 2002, terá lugar a inauguración dunha sede comarcal en Padrón.
En 2003 crea o Laboratorio de Biotecnoloxía Vexetal Cultigar, dedicado á investigación, saneamento e multiplicación por cultivo in vitro. Ao ano seguinte, en 2004, crea os estudios de gravación Mans.
En 2005 créase Punto Nós, un servizo de información, orientación e asesoramento en saúde afectiva, sexual e reprodutiva.
En 2006 créase Ruralover, unha rede de turismo rural para as comarcas do Sar e Barbanza.
En 2008 lanzaron varios programas de promoción musical para novos grupos e/ou artistas.
Desde o pasamento da presidenta fundadora en 2013, a súa filla Sandra Ortega tomou o relevo[1].
En 2015 estableceuse un convenio de colaboración coa Universidade da Coruña coñecido como "Aula Fundación Paideia".
Proxectos
- 1995: Antear, proxecto psico-social para persoas con discapacidade.
- 1998-2002: Redevol, proxecto piloto de investigación aplicada, consistente na implantación dunha rede de voluntariado local en concellos semiurbanos e rurais.
- 1999: Servizo de Voluntariado Europeo, para facilitar unha experiencia de educación no formal mediante actividades de voluntariado na Unión Europea.
- 2002: Equal I e Proder II.
- 2004-2006: Equal II e Sócrates-Grundtvig I.
- 2009-2012: La Ida: proxecto de mobilidade transnacional de mozos alemáns e galegos para a realización de prácticas formativas en empresas.
Premios e distincións
- 1998: Premio Voces del Año para o proxecto Antear e Premio AGAPI á mellor documental galega por "Contrabajo".
- 2003: Premio La Rebotica 2003 ao Proxecto Antear, outorgado pola COPE.
- 2007: Premio Empresa Solidaria, outorgado pola Fundación Érguete.
- 2010: Premio Vía de Oro á traxectoria empresarial e filantrópica, outorgado polo Grupo Vía.
- 2012: Premio Novia Salcedo.
- 2013: Premio Dales la Palabra.
- 2014: Premio Asociación Cultural Conxeito.
Notas
- ↑ Julio Pérez, Faro de Vigo. "La transición con sentido común de Sandra Ortega". Consultado o 2017-04-07.
Ligazóns externas