Fritz Jäger, nado o 21 de febreiro do 1886 en Múnic e finado o 14 de xuño do 1957 en Calw (Baden-Württemberg), foi un sinólogo alemán e decano da Universidade de Hamburgo.[1] Foi membro do Partido Nazi.[1][2][3]
Traxectoria
Tras doutorarse en Filoloxía Clásica na Universidade de Rostock no 1909, comezou os seus estudos de sinoloxía con Otto Franke. Jäger completou a súa habilitation en Hamburgo no 1925 e, no 1931, obtivo un posto de profesor na Universidade de Hamburgo.[3] En maio do 1933, uniuse ao Partido Nazi (membro 3.273.295).[3] Nese mesmo ano, firmou a declaración do profesorado alemán a favor de Adolf Hitler. No 1934, escribiu Zur Frage der chinesischen Juden ("Sobre a cuestión dos xudeus chineses"). No 1935, foi nomeado catedrático de Lingua e Cultura Chinesas na Universidade de Hamburgo, en substitución de Alfred Forke.[3][2] Entre o 1938 e o 1941 foi decano da Facultade de Filosofía nesa mesma institución.[3] Como tal, interveu na negación do título de doutora á arabista xudía Hedwig Klein, unha das vítimas de Auschwitz.[4]
Debido ás súas conexións co nazismo, foi destituído do cargo ao rematar a Segunda Guerra Mundial, pero volveu á docencia universitaria no ano 1947.[3] Pouco despois, xubilaríase, retirandose formalmente no 1957. Dirixiu a tese de doutoramento de tres estudantes: Alfred Hoffmann, Herbert Pohl e Heinrich Eggert. Os tres morreron na guerra.
Obra
Jäger abriu novos camiños nos Estudos Chineses. Por exemplo, co seu ensaio sobre o emprego de figuras retóricas na historiografía chinesa. Tamén escribiu sobre os yao, un pequeno grupo étnico do sur da China. Jäger estudou a obra do pensador Yang Xiong, ou as conexións culturais entre Europa e a China nos séculos XVI e XVII, así como a historia das ciencias naturais durante este mesmo período.
Ningunha imprenta alemá da época posuía os medios para imprimir os sinogramas, polo que a empresa Augustin de Glückstadt alcanzaría moita sona grazas á impresión das obras de Jäger, que os ilustrou no manexo da composición tipográfica chinesa.
Notas
- ↑ 1,0 1,1 peoplepill.com. "Fritz Jäger: German sinologist (1886 - 1957) - Biography, Facts, Information, Career, Wiki, Life". peoplepill.com (en húngaro). Consultado o 2023-12-16.
- ↑ 2,0 2,1 Ess, Hans van (2023-07). "History of Pre-Modern Chinese Studies in Germany". Journal of Chinese History 中國歷史學刊 (en inglés) 7 (2): 491–524. ISSN 2059-1632. doi:10.1017/jch.2022.4.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 "Jäger, Fritz @ HPK". www.hpk.uni-hamburg.de. Consultado o 2023-12-16.
- ↑ "Hedwig Klein and "Mein Kampf": The unknown Arabist - Qantara.de". qantara.de (en inglés). 2018-04-07. Consultado o 2023-12-16.
Véxase tamén