O fragmoplasto é unha estrutura específica das células das plantas en división formada por compoñentes do citoesqueleto celular e vesículas, que aparece durante a citocinese. O fragmoplasto serve como armazón para a ensamblaxe da placa celular, que é a estrutura precursora da parede celular divisoria, que separará as dúas células fillas.
O fragmoplasto é un complexo conxunto de microtúbulos, microfilamentos, e vesículas procedentes na súa maior parte do aparato de Golgi[1], e elementos do retículo endoplasmático, que se ensamblan en dous conxuntos opostos, que nas plantas son perpendiculares ao plano da futura placa celular durante o final da mitose. O fragmoplasto ten inicialmente forma de barril e fórmase a partir do fuso acromático mitótico entre os dous núcleos xa formados das células fillas mentres se está a reensamblar a envoltura nuclear arredor de ditos núcleos.
A placa celular fórmase inicialmente como un disco entre as dúas metades da estrutura do fragmoplasto. Nas plantas, mentres que se engade novo material á placa celular polos seus bordos, os microtúbulos do fragmoplasto van desaparecendo da zona central e desprazándose a zonas máis periféricas, e así ata chegar á parede do outro extremo e completar a formación da parede divisoria. Se na célula había un fragmosoma, o fragmoplasto e a placa celular crecen a través do espazo ocupado polo fragmosoma. Chegarán á parede da célula parental exactamente na mesma posición antres ocupada pola banda da preprofase.
Os microtúbulos e filamentos de actina do fragmoplasto serven de guía ás vesículas que levan o material da parede celular á placa celular en crecemento. Estas vesículas proceden do aparato de Golgi e fusiónanse formando a placa, e levan as moléculas precursoras que se ensamblarán na placa formando pectina, hemicelulosa e outros compoñentes da parede celular primaria.[1] Os filamentos de actina están posiblemente tamén implicados en guiar o fragmoplasto ao lugar onde se localizaba a previa banda da preprofase na parede celular parental. A medida que a placa celular medra, algúns elementos do retículo endoplasmático quedan atrapados nel, e máis tarde servirán para formar os plasmodesmos, que conectarán as dúas células fillas.[1]