O forte estivo desguarnecido até mediados do século XVIII, malia que na época se consideraba que, non obstante as súas pequenas dimensións, tiña maiores potencialidades de defensa cá fortificación de Cerveira.
Da Guerra Peninsular á actualidade
En 1797Rodrigo de Lencastre mandou reconstruír o forte, que unha década despois tería un papel importante na defensa activa da rexión fronte ás invasións das tropas napoleónicas durante a Guerra Peninsular. En 1809 unha explosión no interior do forte, provocada polo exército francés, destruíu gran parte da estrutura da casamata.
Despois deste evento, o forte de Lovelhe non volveu ser recuperado, permanecendo desde entón abandonado.
Na actualidade a Comunidade Intermunicipal do Val do Miño está a desenvolver un Plano Director das Fortalezas Transfronteirizas do Val do Miño, con vistas á valorización e divulgación das fortificacións que constitúen o sistema defensivo da fronteira luso-galega, no cal se insire o Forte de São Francisco.
Características
Erguido conforme ós modelos e tipoloxías da arquitectura militar seiscentista, o forte presenta planta pentagonal, sendo composto por cinco baluartes, catro de dimensións iguais, dispostos lateralmente dous a dous, e un quinto, maior, edificado na parede da porta de armas. En cada un dos ángulos dos baluartes foron dispostas garitas circulares.