Para outras páxinas con títulos homónimos véxase:
Forcas.
Forcas é un lugar da parroquia de Forcas, no concello ourensán de Parada de Sil, na comarca da Terra de Caldelas.[1] Segundo o IGE,[2] en 2023 tiña 12 habitantes (3 homes e 9 mulleres).
Demografía
Gráfica de evolución demográfica de Forcas entre 2000 e 2023 |
|
Datos segundo o nomenclátor publicado polo INE.
|
Patrimonio
Igrexa de San Mamede
É unha igrexa datada en 1822 e está dedicada a san Mamede, que preside unha das súas fachadas. No seu interior, consérvase un retablo de estilo barroco.
Ponte medieval de Conceliñas
A xente do lugar refírese a esta ponte co nome de "Conceliñas". Este é un topónimo corrompido que na súa orixe recibía o nome de "Canceliñas", diminutivo de cancela, voz galega que deriva da voz latina cancellus “enreixado, barreira”.
Existen varias posibilidades da orixe do nome outorgado á devandita ponte. Unha explicación é a designación das terras de labor situadas na parroquia de Pedrafita preto da ponte. Outro motivo polo que puido recibir este nome é porque esta ponte contaba cun enreixado ou barreira que regulaba fiscalmente o paso por ela.
A ponte atravesa o río Mao, afluente do río Sil. O río Mao, tamén chamado río Vello, nace ao pé da serra de San Mamede e foi descrito por Otero Pedrayo como “de variado e impresionante curso”.
Esta ponte foi unha infraestrutura vital para as comunicacións entre o mosteiro de Montederramo e Castro Caldelas na idade media. No río atopouse unha espada, chamada espada de Forcas do final da Idade de Bronce (1250-1000 a.C.). Atopouse a comezos do século XX mentres se construía unha canle de auga para a fábrica de luz que está preto dese lugar.
Ermida de Trigúas
É unha capela que se atopa nos arredores de Forcas e non ten culto permanente. Está caracterizada por un arco de medio punto e outros motivos que a identifican na arquitectura románica.
A ermida de Trigúas é un lugar de romaría e encontro festivo, que se celebraba na segunda semana de setembro. Unha lenda di que a ermida de Trigúas ten dúas irmás, que son a ermida de Cadeiras, ao outra beira do río, e a dos Remedios, en Castro Caldelas, e que as tres se ven e se escoitan.
Lugares e parroquias
Lugares de Forcas
Parroquias de Parada de Sil
Notas
Véxase tamén
Outros artigos