Un foguete sonda é un foguete deseñado para levar instrumentos a bordo e facer medicións e experimentos científicos durante voos suborbitais. A altura típica que alcanzan os foguetes sonda está entre 48 e 145 km[1], que é a altura intermedia entre a que traballan os globos sonda e os satélites artificiais. A altura máxima á que poden chegar os globos é duns 40 km e a mínima dos satélites uns 120 km.[2] Algúns foguetes sonda son capaces de chegar a alturas de 1000 e 1500 km, como os Black Brant X e XII. Os foguetes sonda con frecuencia usan motores foguete sobrantes de material militar.[3]
Deseño
Os elementos básicos dun foguete sonda son un motor foguete, habitualmente de propelente sólido, e unha carga científica.[3] Os foguetes sonda máis grande e que chegan a maior altura teñen dúas ou tres etapa para aumentar a súa eficiencia e capacidade de carga. A parte da traxectoria na que o foguete está en caída libre é unha traxectoria elíptica cun eixo maior vertical que fai que pareza que a carga se mantén flotando cerca do seu apoxeo. O tempo de voo medio adoita ser de menos de 30 minutos, e máis habitualmente entre 5 e 20 minutos.[2] O foguete consome o propelente da primeira etapa na primeira parte do voo, separándose e caend mentres a carga continúa a súa viaxe en arco e volvendo a terra mediante paracaídas.[3]
Vantaxes
Os foguetes sonda teñen a vantaxe, para algunhas investigacións, do seu baixo custo[2], corto tempo de preparación (menos de seis meses en ocasións)[3] e a súa capacidade para facer experimentos en sitios inaccesibles a globos e satélites. Tamén se usan como bancos de proba para equipamento que vai usarse en misións espaciais.[2] Canto máis pequeno é un foguete sonda máis sinxelo é lanzalo desde localizacións temporais, permitindo estudos en áreas remotas ou desde o medio do océano se se lanza desde un buque.[4]