É un arbustocaducifolio que acada os 4–5 m de altura. As follas son opostas, trilobuladas de 5–10 cm de lonxitude e largo, con base arredondada e marxes serrados. As flores son hermafroditas de cor branca producidas en corimbos de 4–11 cm de diámetro no cimo dos talos. O froito é unha drupa globosa de 7–10 mm de diámetro contendo unha soa semente. As sementes son comidas polos paxaros que as esparexan.
Utilízase coma menciña tradicional coma tónico cardíaco. A casca emprégase na medicina herborista. Emprégase a xeito de extracto fluído, tintura concentrada e elixir composto, para uso coma un sedante nervioso e antiespasmódico na asma e a histeria[2].
Cultívase coma unha planta ornamental polos seus froitos. Os froitos son comestíbeis en pequenas cantidades, tendo un gusto acedo e pode utilizarse para facer marmeladas, porén, se se come en grandes cantidades pode causar vómitos e diarreas.
Significado cultural
A flor do mundo é o símbolo nacional de Ucraína onde se coñece coma kalyna. Pódense atopar referencias a este arbusto no folclore ucraíno, nas súas cantigas, na súa arte pictoresca, nos seus bordados etc. Chervona Kalyna foi o himno do Exército Insurxente Ucraíno.
Esas raíces simbólicas remontan ao paganismo eslavo de hai varios milenios. De acordo cunha lenda, a Kalyna estaba asociada ao nacemento do Universo, á Trindade do Fogo: o sol, a lúa, e as estrelas[7][8]. Os seus froitos simbolizan o sangue e a perennidade dos lazos familiares. A Kalyna é frecuentemente retratada no bordado ucraíno en rushnyky (toallas) e camisas. No paganismo eslavo a Kalyna tamén representa a beleza dunha rapariga, que rima ben en ucraíno: Ka-ly-na - Div-chy-na[9][10].
Nome común
A Real Academia Galega non recolle nome algún para a especie, sendo as únicas referencies de nomes galegos as de E. Losada, J. Castro e E. Niño, na súa obra de 1992: Nomenclatura vernácula da flora vascular galega; baseándose nos primeiros nomes dados por Marcial Valladares Núñez no seu Diccionario gallego-castellano de 1884 onde denomina a planta de: frol d'o mundo; e da obra de Xoán Cuveiro Piñol de 1876: Diccionario Gallego, onde a denomina: bolas de neve[11].
Tamén se lle chama rosa de Gueldres.
Notas
↑Nomes vulgares galegos preferidos en Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, E. Losada, J. Castro e E. Niño, (1992), Xunta de Galicia