Flensburgo é a principal vila da rexión da Baixa Schleswig. Despois de Kiel e Lübeck Flensburg é a terceira maior cidade do estado e tamén é a vila máis ó norte de Alemaña. As cidades máis próximas son Kiel (86 km ó sur) e Odense en Dinamarca (92 km ó nordeste). A vila de Flensburg sitúase a só 7 quilómetros da fronteira danesa.
En maio de 1945 Flensburgo foi a derradeira praza alemá en ser liberada do dominio Nazi.
Flensburgo é coñecida en Alemaña por:
Ser sede da oficina onde se xestionan as infraccións de tráfico (Kraftfahrt-Bundesamt)
Ser a sede da escola naval de Mürwik e tamén do buque-escola Gorch Fock
Linguas
Flensburgo foi unha cidade multilingüe case desde o seu comezo, fundada no século XIII por daneses que falaban sønderjysk axiña viu como aparecían comerciantes alemás de lingua baixo alemá, durante o século XIV mantívose o dialecto danés como fala principal principal mentres que a partir do século seguinte foi o baixo alemán o que pasou a ser o idioma máis falado. Coa Reforma protestante chegou a influencia da versión estándar do alto alemán a Flensburgo[2]. Na época contemporánea o que predomina na cidade é unha variedade do alemán estándar moi influída no acento e na entoación polo baixo alemán orixinario da zona[3] no que os dinamarquismos teñen gran peso. O danés mantense como materia nas escolas da cidade ofrecido como segunda ou terceira lingua estranxeira e como lingua de instrución nas escolas da minoría danesa xeneralizándose o padrón dinamarqués entre os membros da minoría danesa da localidade pero nunha variedade influída polo alemán e o baixo alemán coñecida como sydslesvigdansk no que se percibe un substrato do sønderjysk. Tradicionalmente a cidade foi un dos principais focos de emigración dos falantes de frisón setentrional pero son moi poucos os que conservan a lingua. O petuh é unha lingua híbrida que se orixinou no século XIX e que unía elementos do alemán e o danés estándar, e do baixo alemán e o sønderjysk e que aínda que está case extinguido, conserva algunha das súas expresións na fala local.
↑Wanda Guckes (2011). "Schleswigs Sprachgeschichte". En Peter Lang GmbH. Internationaler Verlag der Wissenschaften. Die gegenwärtige sprachliche Situation der dänischen Minderheit in Schleswig-Holstein(en alemán). Frankfurt am Main. p. 40. ISBN978-3-631-61391-7.
↑Wanda Guckes (2011). "Die heutige sprachliche Situation". Die gegenwärtige sprachliche Situation der dänischen Minderheit in Schleswig-Holstein(en alemán). Frankfurt am Main. pp. 41–55.