Fernando Gómez-Reino Lecoq, nado na Coruña o 21 de decembro de 1955, é un exnadador galego. Competiu nos Xogos Olímpicos de 1976 en Montreal.
Traxectoria
Comezou destacando dende novo no Club Natación A Coruña e no Club do Mar, batendo varios récords de Galicia, e conseguiu unha bolsa para prepararse na Residencia Blume de Barcelona.[1] En 1975 entrou na selección española de natación, dentro do equipo de remudas, disputando ese mesmo ano o Campionato Mundial de Natación en Cali.[2] En marzo de 1976 bateu os récords de España de 4x100m libres e 4x200m libres.[3]
Foi seleccionado pola Federación Española para participar nos Xogos Olímpicos de 1976 en Montreal, onde competiu na proba de 4x200m libres xunto a David López-Zubero, Jesús Fuentes e Santiago Esteva. Realizaron un tempo de 7:49.22, quedando cuartos na súa serie, na que só se clasificaban os tres primeiros equipos.[4]
Trala súa retirada traballou como adestrador, destacando a súa labor no Club Natació Palma.[5]
Notas