Failure

Failure
OrixeOs Ánxeles (California), Estados Unidos de América Estados Unidos
Período1991 - 1997
2013 - presente
Xénero(s)rock alternativo, post-grunge , metal alternativo
Selo(s) discográfico(s)Slash, Warner Bros.
Antigos membrosKen Andrews
Greg Edwards
Kellii Scott
Troy Van Leeuwen
Robert Gauss
Na rede
failureband.com
Facebook: Failureband Twitter: Failure MySpace: failuregolden Bandcamp: failureband Last fm: Failure Musicbrainz: f0ed9f50-70b9-4406-9374-7d76ae21a04a Songkick: 405883 Discogs: 28971 Allmusic: mn0001280807 Genius: Failure Editar o valor en Wikidata

Failure é unha influente banda de rock alternativo estadounidense dos anos 90, formada en 1990 polo guitarrista e vocalista Ken Andrews, o baixista Greg Edwards e o batería Kellii Scott. O grupo estivo activo ata o ano 1997 e editou tres álbums de estudio. Failure foi comparado a outras bandas alternativas da época coma Nirvana, Soundgarden ou Bush, pero distínguese destas pola súa meticulosa atención ás texturas sonoras e ao uso creativo dos efectos de guitarra e procesadores de sinal.

Historia

Failure estivo formada por Ken Andrews (voz, guitarra) e Greg Edwards (baixo, guitarra). Os dous comezaron a gravar catro cancións "demo" e comezaron a facer concertos pola zona dos Ánxeles co batería Robert Gauss. Asinaron un contrato co selo Slash Records, un selo independente distribuído por Warner, e lanzaron o álbum Comfort en 1992, que fora gravado con Steve Albini. Ese mesmo ano realizaron a súa primeira xira con Tool.

A banda volveu ao estudio en 1993, novamente con Albini, asumindo Andrews e Edwards tamén labores de produción. No medio das sesións de gravación Robert Gauss deixou o grupo, e Edwards gravou as baterías nalgunhas cancións ata que atoparon a Kellii Scott. En 1994 editaron Magnified e repetiron xira con Tool. Durante a xira o guitarrista Adam Jones tocaba coa banda o tema de Comfort "Macaque".

Ansiosos por aproveitar o pulo que lles deu o relativo éxito de Magnified, Andrews, Edwards e Scott comezaron a gravar novamente en 1995, desta vez nunha casa alugada pertencente a Lita Ford nos outeiros fóra dos Ánxeles. Con Andrews encargándose da parte técnica, a situación permitíulle á banda tomarse moito máis tempo na gravación do que tiveran anteriormente. Cando as gravacións chegaban ao seu fin, recibiron a noticia de que o seu contrato de distribución con Warner rematara e non foi renovado.

Dende entón Failure foi marxinada, e mentres os donos de Slash intentaban negociar un novo contrato de distribución, os membros da banda mantivéronse ocupados con outros proxectos: Andrews e Edwards, xunto con algúns amigos, gravaron un álbum de versións baixo o nome Replicants; Andrews produciu álbums para Blinker the Star e Molly McGuire; e Scott fixo algún traballo como músico de sesión. A banda confiaba en que Warner finalmente editase o traballo, e na primavera de 1996 o selo accedeu e finalmente Fantastic Planet sería publicado en agosto.

O guitarrista Troy Van Leeuwen, amigo e vello compañeiro de Scott, uniuse a Failure cando foi editado o álbum. O seu primeiro sinxelo, "Stuck on You", converteuse nun pequeno hit nas radios alternativas e conseguiu algunha rotación na MTV, aínda que non tivo éxito nas listas. A canción chegou ao número 31 na lista Billboard Mainstream Rock e ao 23 na Modern Rock. Outros temas, como "Saturday Saviour" e "Pitiful", puideron escoitarse nalgunhas radios, pero non se fixeron máis videoclips e, debido ao estado de desorde no seu selo nese momento, fixéronse moi poucos esforzos na súa promoción.

En 1997, os seus amigos da banda de rock industrial God Lives Underwater convidáronos a colaborar cun tema nun álbum tributo a Depeche Mode; Failure versionou o hit de 1990 "Enjoy the Silence", o seu sinxelo máis coñecido e vendido. Ese verán Failure uniuse á xira Lollapalooza, converténdose na súa derradeira xira. Inicialmente tocaron no escenario secundario, pero foron promocionados ao principal para encher o oco doutro grupo que abandonara a xira.

O 19 de novembro de 1997 Failure anunciou oficialmente a súa disolución, citando diferenzas persoais. No ano 2004, a pesar de que a banda levaba inactiva varios anos, Andrews e Edwards colaboraron xuntos nun CD/DVD titulado Golden, que recompilaba demos, descartes, imaxes de xira, os vídeos da banda, e outras rarezas do período de actividade de Failure. Outro recompilatorio póstumo, Essentials, foi lanzado no 2006. Contiña dous CDs, un primeiro cunha escolma de temas dos seus tres álbums de estudio, e un segundo coas catro cancións dos seus sinxelos pre-Slash e as demos completas para Magnified.

Reunión

Nunha entrevista concedida á revista Spin en novembro do 2013, Ken Andrews anunciou que a banda se reuniría para un concerto nos Ánxeles en febreiro de 2014.[1] Failure realizou, coa súa formación clásica composta por Greg Edwards, Ken Andrews e Kellii Scott, o seu primeiro concerto dende 1997 no El Rey Theatre o día 13 de febreiro de 2014. Posteriormente anunciouse que a banda sería a abreconcertos de Tool na súa seguinte xira.[2]

Tras a primeira parte da xira, que comezou en marzo e rematou con concertos o 10 e 11 de maio no The Greek Theater dos Ánxeles, Failure iniciou unha xira propia de 18 concertos entre os meses de maio e xuño chamada Tree of Stars.[3] Un EP exclusivo da xira, titulado Tree of Stars, estivo dispoñible durante a mesma.[4] O EP contén 4 cancións ao vivo e o seu primeiro novo tema dende Fantastic Planet, titulado "Come Crashing". O 14 de maio Failure publicou o tema no seu Bandcamp seguido por "The Focus" o 14 de xullo de 2014. Failure comezou a traballar no seu cuarto álbum a finais dese mesmo ano.[5]

O 30 de marzo de 2015 Failure anunciou o seu cuarto álbum de, The Heart Is a Monster, formado por 18 temas e publicado o 30 de xuño a través de INgrooves. Ese anuncio coincidiu co lanzamento do novo sinxelo "Hot Traveler", tema que a banda estreara no SXSW anteriormente ese mes.[6] Troy Van Leeuwen non foi citado para regresar ao grupo pero colaborou coa guitarra en varias cancións do disco[7] e participaría na súa xira de outubro de 2015.

En 2016 Failure anunciou unha xira en outubro onde tocaría completamente Fantastic Planet para celebrar o 20 aniversario do álbum. O día de acción de grazas de 2016, Failure anunciou que publicarían Fantastic Planet Live, usando temas gravados durante a xira de aniversario. O álbum ao vivo sería editado o 1 de outubro de 2016.[8] O 8 de decembro de 2017, os álbums de Failure con Slash Records foron adquiridos por PIAS Recordings, como parte da venda de catálogos de artistas de Warner Music Group a selos independentes.

Presente

O 14 de marzo de 2018 Failure anunciou unha serie de catro EPs, sendo o primeiro deles, In The Future, publicado o día 30 dese mesmo mes. Os tres restantes serían lanzados ao longo dese ano e finalmente os catro serían editados como un álbum de estudio completo o 16 de novembro de 2016.

Discografía

Álbums de estudio

Álbum Ano Selo
Comfort 1992 Slash Records
Magnified 1994 Slash Records
Fantastic Planet 1996 Slash Records/Warner Bros.
The Heart Is a Monster 2015 INgrooves Music Group, Failure Records
In the Future Your Body Will Be the Furthest Thing from Your Mind 2018 Failure Records

Recompilatorios

Álbum Ano Selo
Golden 2004 CD Baby
Essentials 2006 CD Baby

Notas

  1. Exclusive: Failure Announce L.A. Reunion Show, Threaten More (en inglés)(en inglés)
  2. "Failure confirmed as support for Tool tour". F O U R T H E Y E (en inglés). 2014-03-01. Consultado o 2021-04-26. 
  3. Tilles, Jay. "Failure Announce North American Tour". radio.com
  4. "I love the smell of fresh CDs. - Ken #Failure #TreeOfStarsTour - By Failure". Facebook. Consultado o 2023-10-13. 
  5. SLIS (2014-05-03). "Ken Andrews Interview: Failure Frontman Discusses Band's Reunion". Smells Like Infinite Sadness (en inglés). Consultado o 2023-10-13. 
  6. "Failure announces first new album in 19 years, premieres "Hot Traveler" -- listen" (en inglés). 2015-03-30. Consultado o 2023-10-13. 
  7. Terich, Jeff (2015-06-30). "Failure: The Heart is a Monster - Album review". Treble (en inglés). Consultado o 2023-10-13. 
  8. "Fantastic Planet Live, by Failure". Failure (en inglés). Consultado o 2023-10-13.