Evasión do San José n.º 2

A evasión do San José n.º 2 foi a fuxida de dezanove republicanos galegos desde Boiro ao porto de Leixões o 27 de xullo de 1936.

Historia

José Martínez Virel, alcalde de Boiro en funcións e responsable do Comité de Defensa da República, ordenou o urxente traslado dende Cabo de Cruz ata A Pobra do Caramiñal do pesqueiro requisado San José n.º 2. Ían con el o concelleiro Antonio Lago Outeiral, o sindicalista José Viturro, Moncho Somoza e outros que finalmente optaron por quedar en terra. Recolleron no peirao da Pobra o motorista Manuel Ojea Torrecilla e dirixíronse ao porto Insuela (Palmeira, Ribeira), onde agardaban Elpidio Villaverde, José Rodríguez Alarcón e Pedro Díaz, vidos de Vilagarcía de Arousa. Tamén embarcaron o alcalde socialista da Pobra do Caramiñal Antonio Pérez Gómez e os seus correlixionarios Manuel Porteiro, Antonio Domínguez Fontán, Pastor Núñez e Carlos Iglesias. Aprovisionaron a motora de combustible e alimentos e á noite emprenderon a singradura.

Ante a chegada da columna do tenente Bernardo Espinar, que entrou en Boiro na tarde do día 27, saíu de Cabo de Cruz unha lancha na procura do San José n.º 2. A bordo viaxaban Victorino Somoza, o seu sobriño Antonio, Emilio Blanco e Antonio Ferreirós, das Xuventudes Socialistas de Boiro; José Muñiz, cenetista de Escarabote, e o escribente do Concello Marcial de Diego. Localizado o pesqueiro incorporáronse á súa pasaxe. O barco, ás ordes de Virel e Villaverde e patroneado por Viturro e con Torrecilla de motorista, logo de rexeitar outros destinos e coa mira posta en zona republicana, colleu rumbo a Portugal e atracou ao día seguinte no peirao de Leixões.

Os tripulantes foron identificados e desarmados polas autoridades portuguesas. Foron detidos e recluídos no forte de Caxías, cerca de Lisboa, onde permaneceron ata que Salazar, ante as presións internacionais, dispuxo a súa evacuación xunto á doutros refuxiados españois. Elpidio Villaverde, José Martínez Virel e Antonio Pérez, o concelleiro Antonio Lago, Porteiro, Alarcón e Díaz, embarcaron para Francia a finais de agosto. O resto embarcou en outubro rumbo a Tarragona. Todos acabaron incorporándose á fronte de guerra. O San José n.º 2 retornou a Galicia pouco despois.

Os 19 fuxidos foron José Martínez Virel, Antonio Lago Outeiral, José Viturro Ozores, Ramón Somoza Rebollido, Elpidio Villaverde, José Manuel Rodríguez Alarcón, Pedro Díaz Abalo, Antonio Pérez Gómez, Manuel Porteiro Viña, Antonio Domínguez Fontán, Pastor Núñez Cariño, Carlos Iglesias Rodríguez, Victorino Somoza Rebollido, Juan Antonio Somoza Outeiral, Cipriano Juan Emilio Blanco Fuciños, Antonio Ferreirós Martínez, José Manuel Muñiz Santiago, Marcial de Diego Andreu e Manuel Ojea Torrecilla.

Véxase tamén

Bibliografía