a Estación de Vigo-Urzaiz. Construída no mesmo lugar en que se levantaba a antiga estación de trens de Vigo, estaba chamada a ser a primeira estación intermodal de Galiza, se ben a de Santiago acabou tornando intermodal antes[1]. Inaugurouse, unicamente como terminal ferroviaria, o 6 de marzo de 2015, coa entrada do primeiro tren comercial de viaxeiros.[2] A construción da nova infraestrutura intermodal iniciou en 2016 e a conclusión prevíase para 2018, coa integración da nova terminal de autobuses. Segundo a Xunta, estas actuacións debían ir acompañadas da execución dos «compromisos do Concello no referente á reordenación dos accesos viais e das necesidades urbanísticas».[3] En 2021 abriu o centro comercial anexo e en 2022 comezou a operar como estación de autobuses[4].
a Estación da Coruña-San Cristovo. A transformación en intermodal da estación coruñesa comezou a planearse nos primeiros anos da década do 2000, baseándose principalmente nas directrices do urbanista Joan Busquets, para agrupar nun mesmo recinto a estación de ferrocarril, a de autobuses interurbanos, a do proxectado metro lixeiro e unha parada de taxis, barallándose posibilidades de incluír vivendas e até un parque botánico nela. Entre os 7 proxectos presentados a concurso, foi elixido por unanimidade do xurado establecido ao efecto, en 2011, o presentado polo arquitecto César Portela. Como consecuencia da crise económica de 2008, a finais do 2012 o goberno central solicitou ao gañador do proxecto a presentación dunha nova proposta para abaratar o seu custo.[5]