Unha estación de recarga[2] ou estación de recarga eléctrica, tamén chamada en electrineira,[1] é un lugar que prové electricidade para a recarga rápida das baterías dos vehículos eléctricos, incluíndo os vehículos híbridos enchufables, mediante procedementos que non levan máis de dez minutos (dispensadores rápidos de electricidade ou estación de recambio de baterías).[3][4]
As tarifas de recarga son usualmente determinadas polos gobernos locais.
Os deseños importantes inclúen Park & Charge, N-2-S e iGSEGeS en Europa, así como Columb Technologies en América. PARVE é un deseño aberto con unidades de enchufes apto para construción artesanal.
Hoxe en día, o desenvolvemento destas instalacións está dividido en dous conceptos diferentes: os sistemas de recarga de baterías e os sistemas de cambio de batería.
Infraestrutura
A infraestrutura de recarga é o conxunto de dispositivos físicos e lóxicos, destinados á recarga dos vehículos eléctricos que cumpran os requisitos de seguridade e dispoñibilidade previstos para cada caso, con capacidade para prestar servizo de recarga de forma completa e integral. Inclúe as estacións de recarga, o sistema de control, canalizacións eléctricas, os cadros eléctricos de mando e protección e os equipos de medida, cando estes sexan exclusivos para a recarga do vehículo eléctrico.
Os vehículos eléctricos non necesariamente precisan de infraestruturas novas: enquisas sobre os coches eléctricos en 2017 mostraron que máis da metade dos fogares nos Estados Unidos teñen acceso a un enchufe para cargar os seus coches.