O escribidor das neves[2] (Plectrophenax nivalis) é unha ave paseriforme da familia Calcariidae (antes clasificada en Emberizidae). É un especialista na vida no Ártico, cunha área de cría circumpolar ártica ao longo do hemisferio norte. Hai pequenas poboacións illadas nos cumes dunhas poucas montañas no sur da rexión ártica, como as Cairngorms do centro de Escocia e as Montañas Saint Elias do sur da fronteira de Alasca-Yukon, e tamén nas terras altas de Cabo Bretón.[3] É o paseriforme que foi rexistrado vivindo máis ao norte.[4] Algúns exemplares chegan a Galicia como invernantes regulares escasos.[5]
Nome
En galego ténselle dado a esta ave na literatura zoolóxica o nome de escribenta das neves,[6][5] pero o dicionario da Academia non acepta a palabra escribenta como nome de paxaro, senón escribente (feminino)[7] ou escribidora[8]. No dicionario DiGalego só se acepta escribente (masculino).[9] Estes nomes aplícanse a todos os emberícidos (familia á que antes pertencía esta especie).
O nome do xénero Plectrophenax procede das palabras do grego antigoplektron, 'esporón de galo' e phenax, 'impostor', e o nome específico nivalis é unha plabra latina que significa 'branco como a neve'.[10]
Características
É un paseriforme de medio tamaño con dimorfismo sexual.[11] Vive no chan no que camiña, corre e se é necesario chouta.[11] Dentro da súa familia ten ás bastante longas. Mide 15 cm, cunha envergadura alar de 32–38 cm e pesa de 30 a 40 g.[3][11][12] Ten un peteiro amarelo con punta negra, que se fai totalmente negro nos machos en inverno. A plumaxe é branca pola parte inferior, mentres que as ás e dorso teñen cores brancas e negras.[11] A femia e o macho teñen diferente plumaxe. Durante a estación reprodutora, o macho é branco con puntas das ás negras, mentres que a femia ten puntas das ás negras e un dorso marrón avermellado.[11] Durante o inverno, ambos teñen dorso de cor marrón avermellado.[11] En primavera, non mudan a pluma como farían outros paseriformes, senón que lles aparece a coloración reprodutora a medida que se desgastan as plumas.[11] A diferenza de moitos paseriformes, ten un tarso emplumado, unha adaptación ao seu duro ambiente. Ningún outro paseriforme pode invernar tan ao norte coma esta especie, con excepcion do corvo grande.[3][12]
Esta especie confúndese ás veces co Plectrophenax hyperboreus debido á similar coloración da plumaxe.[11] As dificultades para identificalos fanse maiores cando estas dúas especies se hibridan nas fronteiras dos seus territorios.[11] Outra especie similar é a Eremophila alpestris, aínda que ten unha cola negra máis grande e unha mancha branca menor nas ás.[13]
Taxonomía
Esta especie estaba antes clasificada na familia Emberizidae.[11][14] Esta familia formouse despois dunha ampla radiación recente de aves paseriformes.[11] Porén, agora está incluído na familia Calcariidae, que contén o xénero Calcarius.[11] Malia a ampla distribución desta especie non hai diferenzas moi significativas entre os diferentes fenotipos.[11]
Existen catro subespecies, que se dieferencian lixeiramente no padrón de plumaxe dos machos reprodutores:[3]
Plectrophenax nivalis nivalis (Linnaeus, 1758): ärtico europeo e norteamericano. Cabeza branca, mitra case negra cunha pequena área branca.
Plectrophenax nivalis insulae (Salomonsen, 1931): Islandia, illas Faroe, Escocia. Cabeza branca cun colar anegrado, mitra negra.
Plectrophenax nivalis vlasowae (Portenko, 1937): ártico de Asia. Cabeza branca, mitra principalmente branca.
Plectrophenax nivalis townsendi (Ridgway, 1887): illas Aleutianas, Kamchatka, costa leste de Siberia. Como vlasowae, pero lixeiramente meirande.
Está moi estreitamente relacionado co Plectrophenax hyperboreus da zona de Berinxia, do que difire en que ten aínda máis cor branca na plumaxe. Poden producirse híbridos entre os dous en Alasca,[3][15] e son considerados conespecíficos por algúns autores,[16] aínda que xeralmente son tratados como especies separadas.[17]
A especie tamén se cruza coa escribenta lapona creando un híbrido. As primeiras fotografías deste híbrido foron tomadas en abril de 2011, durante a súa migración primaveral.[18]
Durante o período reprodutor busca hábitats rochosos no Ártico.[11] Como a vexetación na tundra crece lentamente, este paxaro e as súas crías están expostas aos predadores e para asegurar a supervivencia dos seus fillos, aniña en cavidades para protexelos de calquera ameaza.[23] Durante este período, tamén buscan un hábitat con moita vexetación como os prados húmidos con xuncos e áreas con moitas Dryas e liques.[11] En inverno, buscan hábitats abertos como granxas e campos nos que se poden alimentar de sementes no chan.[24]
Migración
É unha especie que migra ao Ártico para reproducirse e é a primeira especie migrante que chega a estes territorios.[11] Debe aumentar polo menos nun 30% a súa masa corporal antes da migración.[11] Os machos chegan primeiro a principios de abril, cando as temperaturas poden acadar os -30 graos Celsius.[11] Esta migración temperá pode explicarse porque esta especie é moi teritorial e a calidade da área de nidación é crucial para o seu éxito reprodutor.[11] As femias chegan de catro a seis semanas máis tarde, cando a neve empeza a fundir.[11] Adoitan migrar en pequenas bandadas e fan un voo ondulado a altura moderada.[11]
Pasa o inverno en zonas temperadas do norte en campos abertos formando bandadas móbiles.[3][11] Abandona o Ártico a metade e final de setembro, aínda que algúns empezan a migración a principios de novembro.[11] A femia parte primeiro e adoita invernar en territorios máis ao sur que o macho, mentres que os xoves parten do Artico incluso máis tarde que os adultos.[11]
A migración desta ave é nocturna e poden detectar o campo xeomagnético para guiarse cara aos seus territorios de reprodución e invernada.[4] A orientación durante a migración é independente de calquera tipo de pista visual.[25] Ademais, algúns estudos mostraron que só os individuos que fixeron un almacenamento de enerxía axeitado poden seleccionar as direccións estacionalmente adecuadas durante a súa migración.[25]
A chamada desta especie é un distintivo asubío, per,r,r,rit e o típico trilo de Plectrophenaxhudidi fit fit fiu hudidi.
Usan as vocalizacións para comunicarse e os machos teñen unha canción para atraer a femia.[26] As chamadas de comunicación fanas tanto machos coma femias e adoitan emitirse en voo ou no chan, mentres que os machos a miúdo emiten a canción desde un pousadeiro ou nunha exhibición en voo.[11] Os machos empezan a cantar en canto chegan aos terreos de reprodución e cesan unha vez que encontran parella.[11] A calidade e a velocidade coa que se emite a canción afecta ao éxito reprodutor dun macho.[27] A velocidade dunha cancións medida polo número de estrofas por minuto está limitada polas necesidades de alimentación do macho; por tanto, un macho que pode cantar máis frecuentemente demostra que el ten máis éxito e é máis efectivo no seu comportamento de busca de alimento.[27] A canción convértese nun indicador das cualidades dos coidados parentais do macho, xa que ter un comportamento de obtención de alimento efectivo proporciona mellores probabilidades de supervivencia para as crías.[27] As femias escollen entón as súas parellas baseándose na velocidade da canción.[27]
As vocalizacións son únicas en cada individuo nos machos, aínda que hai certas sílabas compartidas.[26] A singularidade de cada canción revela unha capacidade de recoñecemento entre individuos e ten un efecto na fitness individual e éxito reprodutor.[26] As cancións teñen unha duración de 2 segundos e unha frecuencia de 2 a 6 kHz.[27] Cada canción está composta por figuras similares e diferentes que crean diferentes motivos que alternan e repiten, resultando nun padrón único para cada individuo macho.[27]
Reprodución
Teñen un comportamento reprodutor monógamo no cal os machos teñen un impacto positivo no éxitro reprodutor da femia, aínda que non son esenciais para a supervivencia das crías.[28] O macho segue a femia durante o seu período fértil para estar seguro que non se apareará con calquera outro macho.[28] Os sitios de nidación proporcionan seguridade pero supoñen outros retos para estas aves, porque nos ocos e fisuras das rochas o microclima pode ser duro, o tempo de incubación pode ser longo nesa especie e existe un risco de que as baixas temperaturas maten os embrións.[11] Para superar estas dificultades, o macho trae comida á femia durante a incubación, e deste modo ela pode controlar constantemente a temperatura do microclima do niño mellorando o éxito da eclosión e reducindo o tempo de incubación.[11]
Este paxaro pon ovos en canto a temperatura ambiente está por riba dos 0 graos Celsius[29] Os ovos son verdeazulados, con manchas marróns e fan eclosión en 12 ou 13 días e os xoves están xa listos para voaren pasados de 12 a 14 días.[12]
Comportamento de cortexo
O seu comportamento de cortexo varía en diferentes partes do mundo.[21] En Groenlandia, o macho fai unha exhibición de ameaza para asegurar o seu territorio.[21] Esta exhibición consiste en chamadas moi altas, baixar a cabeza e xírarse completamente para enfrontarse ao macho acabado de chegar.[21] Os machos tamén fan un voo cerimonial para atraer a femia, no cal acadan unha altura de 9 a 1,5 m, despois planan, cantan unha canción moi alta e despois seguen cantando pousados.[21]
Efectos do cambio climático nas poboacións desta especie
Varios índices suxiren que o cambio climático podería ter un importante impacto sobre as poboacións deste paxaro.[29] O índice de oscilación ártica (AO) é un índice climático rexional que axuda a predicir os procesos ecolóxicos.[29] No Ártico, cando o índice AO está nunha fase positiva hai maiores temperaturas invernais e precipitacións, hai primaveras máis temperás e cálidas e no verán hai máis días nubrados, húmidos e as temperaturas son máis baixas.[29] Xeralmente o índice AO tende a oscilar desde unha fase positiva a unha negativa, pero durante os últimos 40 anos, o índice AO permaneceu en fase positiva.[29] Os estudos mostraron que as primaveras máis cálidas desencadean un comportamento reprodutor temperán nesta especie que non concorda co pico nas súas fontes de alimento, o que causa unha menor taxa de éxito na cría dos polos.[29] Ademais, as altas temperaturas traen ao Ártico outras especies que compiten coa escribenta das neves,[29] tamén se cre que as temperaturas máis altas poderían permitir unha mellor supervivencia da segunda niñada nesta especie.[29]
↑ 19,019,1Ryzhanovsky, V N (2015). "Comparative ecology of horned lark Eremophila alpestris flava Gm. and snow bunting Plectrophenax nivalis L. in subarctic and arctic zones". Contemporary Problems of Ecology8 (3): 309–316. doi:10.1134/S1995425515030117.
↑ 21,021,121,221,321,4Nethersole-Thompson, Desmond (1993). The Snow Bunting. Peregrine Books.
↑Tomek, T.; Bocheński, Z. (2005). "Weichselian and Holocene bird remains from Komarowa Cave, Central Poland". Acta Zoologica Cracoviensia48A (1–2): 43–65. doi:10.3409/173491505783995743.
↑Hoset K, Wedege M, Moksnes A (2009). "The effects of male mating behaviour and food provisioning on breeding success in snow buntings Plectrophenax nivalis in the high Arctic". Polar Biology32 (11): 1649–1656. doi:10.1007/s00300-009-0664-8.
↑Smith RD, Metcalfe NB (1994). "Age, sex and prior site experience have independent effects on the foraging success of wintering snow buntings". Behavior.
↑ 25,025,1Sandberg R, Baeckman J, Ottosson U (1998). "Orientation of snow buntings (Plectrophenax nivalis) close to the magnetic north pole". Journal of Experimental Biology.
↑ 26,026,126,2Baldo S, Mennill D, Grant GilchrisT G, Love O (2014). "Snow buntings sing individually distinctive songs and show inter-annual variation in song structure". The Wilson Journal of Ornithology126 (2): 333–338. doi:10.1676/13-157.1.
↑ 29,029,129,229,329,429,529,629,7Fossøy F, Stokke B, Kåsi T, Dyrset K, Espmark Y, Hoset K, Wedege M, Moksnes A (2015). "Reproductive success is strongly related to local and regional climate in the Arctic snow bunting (Plectrophenax nivalis)". Polar Biology38 (3): 393–400. doi:10.1007/s00300-014-1595-6.