Manuel Emilio Martínez-Baladrón García, coñecido como Manuel Emilio Martínez García-Baladrón e Emilio Martínez Baladrón, nado en Santiago de Compostela e finado na Ponte Maceira (Portor, Negreira) o 4 de marzo de 1970, foi un avogado e empresario galego.
Traxectoria
Fillo do médico Emilio Martínez Baladrón e de Josefa García Elizagaray, filla única e herdeira de Ramón García Mouriño. O seu pai non exerceu a medicina, senón que se dedicou á administración dos negocios herdados pola súa muller, finando en xaneiro de 1936.[1] Emilio licenciouse en Dereito e foi o herdeiro dos negocios familiares. Cando se produciu o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 era suboficial de Complemento de Artillaría en Santiago de Compostela, encabezou a subscrición para o Exército con 20.000 pesetas e puxo a disposición da Junta de Defensa Nacional a súa fortuna estimada en 30.000 libras esterlinas; inmediatamente foi ascendido a alférez e marchou á fronte.[2] O 6 de novembro de 1936 foi nomeado concelleiro de Santiago de Compostela e primeiro tenente-alcalde na corporación presidida por Manuel García Diéguez.[3] Foi ferido na fronte de Madrid o 26 de decembro de 1936.[4] Ascendido a tenente en maio de 1937;[5] convalecente, pediu o asesoramento de Ramón Baltar, quen o acompañou a Alemaña para operarse en Wrocław en agosto de 1937.[6] Estivo nun Hospital de Wrocław ata decembro dese ano.[7] Foi xefe da Sección de Donativos do Cuartel General del Generalísimo en Burgos, que xestionou o patrimonio de Franco durante a guerra.[8] Foi presidente do Casino de Santiago. Foi membro dos consellos de administración de Fenosa e de FRINSA. Construíu o pazo de Baladrón na Ponte Maceira e mercou o castelo de Doiras. Amigo de Franco, no seu pazo de Baladrón celebráronse reunións na ditadura. Finou no pazo da Ponte Maceira o 4 de marzo de 1970.[9]
Recoñecementos
Foi nomeado fillo predilecto de Santiago de Compostela en agosto de 1936.[10]
Medalla do Mérito Militar con distintivo branco.
Comendador da Orde de Isabel a Católica.
Vida persoal
Casou coa súa prima segunda Carmen García Elizagaray en xuño de 1933,[11] e non tivo fillos.