Emanuel Mariano Insúa Zapata, nado o 10 de abril de 1991 en Buenos Aires, é un futbolista arxentino que xoga como lateral esquerdo no Banfield da Primeira División arxentina. É irmán do exfutbolista Emiliano Insúa.
Traxectoria
Naceu en Buenos Aires, sendo neto de emigrantes galegos, procedentes do concello de Carral e do lugar de Vilarbetote, no concello lucense de Trabada.[1]
Formouse nas categorías inferiores do Boca Juniors, subindo ao primeiro equipo en xullo de 2011 para facer a pretemporada co club no Brasil. O 25 de abril de 2012 debutou oficialmente co primeiro equipo ante o Olimpo de Bahía Blanca, nun encontro correspondente á Copa Arxentina, no que o Boca Juniors gañou nos penaltis tras igualar 1 a 1. Con Julio César Falcioni como adestrador, Boca acabou gañando a Copa en agosto dese mesmo ano. Na tempada seguinte, para gañar experiencia e minutos de xogo, foi cedido ao Godoy Cruz de Mendoza, onde tivo grandes actuacións e consolidouse na titularidade. En total, xogou 34 partidos e marcou un gol.
No seu regreso ao Boca Juniors para a tempada 2012/13, consolidouse como titular. Porén, poucos días despois de marcar o seu primeiro gol, sufriu unha espondilose lumbar que o deixou fóra de competición durante 75 días. Volveu ao once inicial o 1 de decembro ante o Lanús na xornada 18 do Torneo Inicial 2014. Comezou o Torneo Final 2014 por detrás do xuvenil Nahuel Zárate, ao que lle quitou rapidamente a titularidade, converténdose de novo no principal lateral esquerdo do equipo.
Trala marcha de Carlos Bianchi, o novo adestrador, Rodolfo Arruabarrena, decidiu colocar a Nicolás Colazo na posición de lateral esquerdo, relegando a Insúa ao banco de suplentes. En total, xogou 15 partidos e marcou un gol ese semestre. A principios de 2015, tendo en conta que o club buscaba un lateral esquerdo, Insúa aceptou abandonar o club e emigrar ao fútbol europeo.
Fichou en xaneiro de 2015 polo Granada CF,[2] co que debutou na Primeira División de España na xornada 20 da tempada 2014/15, fronte o Deportivo da Coruña en Riazor.[3] Sen sitio no equipo para a tempada seguinte, foi traspasado ao Udinese italiano, a cambio de 2,5 millóns de euros.[4] Xogou só un partido da Copa Italia antes de marchar cedido en xaneiro ao Newell's Old Boys,[5] co que disputou 15 partidos da Primeira División Arxentina, marcando dous goles. En xullo de 2016, volveu saír cedido, desta vez ao Racing Club, onde disputou 20 partidos de liga e un da Copa Suramericana fronte ao Águilas Doradas. Ao final da tempada, regresou a Europa e en agosto de 2017 asinou por tres tempadas co Panathinaikos FC.[6]
En 2020, tras tres tempadas no Panathinaikos, fichou polo AEK de Atenas,[7] co que debutou na Europa League nun partido contra o Leicester.[8] Disputou un total de 19 partidos co club grego. En febreiro de 2021 foi cedido ao Aldovisi arxentino, e asinou contrato xunto co seu irmán Emiliano, coincidindo por primeira vez ambos no mesmo equipo.[9][10] Xogou un total de 28 partidos co club adestrado por Fernando Gago, e en xaneiro de 2022 fichou por Vélez Sársfield.[11]
Militou unha soa campaña no club bonaerense, co que disputou un total de 18 encontros oficiais. En xaneiro de 2023 anunciouse a súa fichaxe por Banfield.[12]
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas