Eliseo Pulpeiro Villamil, nado en Ribadeo o 15 de marzo de 1901 e finado en Buenos Aires o 11 de xullo de 1974, foi un xornalista e poeta galego.
Traxectoria
Emigrou a Buenos Aires en 1913. Despois de ocupar empregos humildes, traballou como viaxante e participou na súa organización gremial; posteriormente estableceuse como comerciante de tecidos e acadou unha confortable posición. De formación autodidáctica, foi un dos fundadores e despois director da revista Céltiga, na que se ocupou dunha das seccións máis coñecidas e lidas, "El momento de Galicia". Tamén destacou como poeta -sobre todo en castelán-, aínda que a súa obra está espallada por diversas publicacións. Colaborou en La Democracia da Veiga, publicou os seu primeiros poemas na Arxentina co pseudónimo Manfredo de Cáceres e despois en La Voz de Galicia;[1] colaborou en El Despertar Gallego, Galicia (a revista do Centro Galego), Galicia (coa sección "Epigramas y Vaguedades" e do que tamén foi redactor) e Opinión Gallega. Posuía unha das máis amplas bibliotecas da colectividade galega na cidade porteña.
Adscribiuse primeiro á Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) e logo ao Partido Galeguista e á Irmandade Galega de Bos Aires; tivo, ademais, amizade con figuras relevantes do exilio como Castelao, Ramón Suárez Picallo e Blanco Amor. Pertenceu á Asociación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas.[2]
Visitou Galicia en varias ocasións e mantivo sempre o vencello coa súa vila natal, sobre todo a través do pintor Amando Suárez Couto. En 1957, despois da súa solicitude, Eliseo Pulpeiro colaborou nos actos organizados co gallo do centenario do poeta Alonso-Trelles, El Viejo Pancho, tanto coa comisión constituída para levantarlle un monumento coma na creación da biblioteca pública El Viejo Pancho no concello.
Vida persoal
Fillo de Alejandro Pulpeiro e Trinidad Villamil. Casou en Buenos Aires con María de los Ángeles García Burgos o 15 de abril de 1931,[3] e foi pai de Alejando e Sylvia Pulpeiro García.
Notas
- ↑ La Voz de Galicia, 4-2-1925, p. 6.
- ↑ La Voz de Galicia, 29-7-1961, p. 4.
- ↑ Céltiga, 151, 10-4-1931, p. 29.
Véxase tamén
Bibliografía