Eduardo París Villar, nado en Ourense en 1909 e finado na mesma cidade o 27 de xullo de 1937, foi un avogado e político galego.
Traxectoria
Fillo de Silvio París Fernández, almacenista de Ourense. Estudou dereito na Universidade de Santiago de Compostela, rematando en 1931. Militante de Izquierda Republicana e presidente da agrrupación local de IR de Ourense, foi nomeado Delegado de Traballo en Ourense en xaneiro de 1936,[1] e dimitiu do cargo en marzo dese ano.[2] Foi asesor de Fructuoso Manrique Martín cando sesempeñou o cargo de gobernador civil interino e despois do gobernador Gonzalo Martín March.
Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 participou na organización da resistencia baixo as ordes do gobernador Gonzalo Martín estendendo autorizacións para o uso de armas. O gobernador civil Manuel Quiroga Macía ordenou verbalmente a súa detención ao capitán da Garda Civil Juan Ros o 25 de agosto despois de que o deixasen pasar por Verín. O vehículo, no que viaxaba coa súa irmá, foi detido en Pobra de Seabra e Eduardo deuse á fuga. Foi localizado e detido por varios axentes de policía desprazados dende Ourense. Foi xulgado en consello de guerra presidido por Ambrosio Feijoo Pardiñas no que actuou como fiscal Joaquín Otero Goyanes o 23 de marzo de 1937, con Marcial García Barros, Anselmo López García, Marcelino Otaduy Vázquez, Manuel Suárez Castro, Antonio Taboada Nóvoa e Higinio López Barrio.[3] Condenado á pena de morte foi fusilado o 27 de xullo de 1937 no Campo de Aragón xunto con Manuel Suárez, Ramón Figueiras Añel, José González González, Antonio Colmenero Villamarín, Camilo Gago González, Antonio Taboada e Higinio López.
Notas
- ↑ La Voz de Galicia, 15-1-1936, p. 8.
- ↑ La Región, 21-3-1936, p. 1.
- ↑ La Región, 24-3-1937, p. 3.
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas