Edward John O'Brien, nado en Oxford o 15 de abril de 1968, é un músico, compositor e guitarrista inglés da banda Radiohead. Tamén é o encargado de facer os coros e acompañar coa voz a Thom Yorke nos concertos e en moitas das cancións dos discos do grupo. Fóra de Radiohead, participou como guitarrista no proxecto 7 Worlds Collide.[1]
Varias listas e votacións teñen situado a Ed O'Brien entre os mellores guitarristas dos últimos anos.[2][3]
Radiohead
O'Brien emprega unha gran colección de pedais de efectos para crear o son característico da banda. Mesmo en cancións nas que non hai guitarras, os seus pedais serven outro tipo de propósitos, como alterar o teclado que toca Thom Yorke (el e o co-guitarrista Jonny Greenwood samplean, respectivamente, o piano e a voz de Yorke co Korg Kaos Pad cando tocan o tema "Everything in Its Right Place" en directo). Ademais de ser un guitarrista autodidacta, é un consumado batería, aínda que, polo momento, as súas únicas contribucións na banda con ese instrumento foron tocando tom-tom nas versións en directo do tema "There There" (tarefa compartida con Greenwood) e como batería adicional na cara B "Pearly".
Algunhas das súas contribucións como compositor son o riff inicial da canción "Go to Sleep" e o riff sobre o que se constrúe "Street Spirit (Fade Out)", canción que pecha o álbum The Bends. Tamén é autor da parte instrumental de "Meeting in the Aisle", "Lull" e a música de "Big Boots".
O seu cometido principal na banda é expandir o marco musical creado por Thom Yorke, como amosan as súas contribucións en "Karma Police" (creou o efecto que pecha a canción e os seus coros no retrouso son parte integral do tema), "Lucky" (creando o efecto que abre a canción) e "Treefingers" (onde o son da súa guitarra foi procesado dixitalmente para que soase coma música ambiental).
Traballo fóra de Radiohead
Antes de gravar Kid A, O'Brien participou na banda sonora da serie dramática da BBC Eureka Street. Tamén colaborou como guitarrista no disco Enemy of the Enemy de Asian Dub Foundation, concretamente nas cancións "1000 Mirrors", "Blowback" e "Enemy of the Enemy".
O'Brien foi de xira con Neil Finn como parte do proxecto 7 Worlds Collide. Contribuíu coa guitarra e os coros no disco homónimo gravado en directo en 2001 e repetiu papel en 2009 no álbum de estudio The Sun Came Out, onde tamén co-escribiu dous temas.
En 2001, O'Brien e o seu compañeiro de banda Phil Selway tomaron leccións de programación co produtor e enxeñeiro Phelan Kane no Institute of Contemporary Music Performance (ICMP) de Londres.
O’Brien é un dos directores fundadores da Featured Artists Coalition, unha organización sen ánimo de lucro que busca preservar os intereses dos artistas na nova era dixital.[4]
Vida persoal
O'Brien está casado con Susan Cobrin, coa que ten dous fillos: Salvador, nado en xaneiro de 2004, e Oona, nada a principios de 2006. Antes de dedicarse profesionalmente á música, O'Brien estudou a carreira de economía na Universidade de Manchester.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
|
---|
|
Álbums de estudio | |
---|
EPs | |
---|
Álbums en directo | |
---|
Recompilatorios | |
---|
Sinxelos | |
---|