O Día de Acción de Grazas, en inglés Thanksgiving, é unha celebración tradicional dos Estados Unidos e o Canadá, e habitual tamén no Brasil, nalgunhas illas caribeñas, en Liberia e en diversas comunidades de inmigrantes estadounidenses en Centroamérica e Israel.
Nos Estados Unidos celébrase o cuarto xoves do mes de novembro, aínda que orixinalmente se facía o último xoves. No Canadá, pola súa banda, celébrase o segundo luns de outubro. Xeralmente, nesta festividade reúnense arredor dunha mesa familiares e amigos a compartir un banquete. Trátase dunha festividade de orixe relixiosa.
Historia
Celebrouse por vez primeira en Plymouth (Massachusetts)[1], por parte dos colonos que fundaran a vila, en 1620. No ano seguinte, tras un inverno cru, os colonos tiveron unha boa colleita de millo coa chegada do verán de 1621. Por orde do gobernador da vila, en homenaxe ao progreso desta xeira e as de anos anteriores, fixouse a festa no inicio do outono de 1621. Para a ocasión, os vilegos de Plymouth mataron patos e pavos. Outros alimentos que formaban parte do banquete eran peixes e millo. Cerca de noventa indios participarían do festexo.