Dynastes é un xénero de grandes escaravellos pertencentes á familia Scarabaeidae. Viven na rexión Neártica e na Neotropical, en América, desde os Estados Unidos ao Brasil;[1][2] hai catro especies norteamericanas (incluíndo México), tres cunha distribución que se estende desde América Central a algo máis ao norte ou algo máis ao sur e dúas especies que son exclusivamente suramericanas.[2]
Descrición
Os machos dos Dynastes teñen dous longos cornos, un na cabeza e outro no pronoto, formando unha especie de "pinza" (inmóbil) ou gancho; o corno pronotal ten setas avermelladas na parte inferior e está ausente nas femias.[3] Algunhas especies teñen unha coloración iridiscente nos élitros.[4] Certas especies do xénero Dynastes teñen a capacidade de cambiar de cor.[5] Especies concretas poden ter élitros que varían segundo a época de negros a amarelentos ou verde khaki.[5] Esta variación de cor débese a unha capa esponxosa que hai baixo a cutícula transparente;[5] esta capa esponxosa é unha rede de filamentos feitos de cristais fotónicos tridimensionais dispostos paralelamente á superficie da cutícula.[6] Cando a cutícula está chea de gas esta capa pode transparentarse, presentando cor amarela a verde khaki, pero cando está chea de líquido, a cutícula aparece negra.[5] Isto débese ao cambio no índice de refracción que fai que se vexa de diferentes cores.[6] Este fenómeno denomínase efecto higrocrómico.[4] Os escaravellos femia poden cambiar de cor tamén pero non tan completamente coma os machos, o cal require unha explicación que non se coñece, xa que o mecanismo de cambio de cor non se comprende totalmente aínda.[5] O que se sabe é que os cambios na humidade ambiental afectan os niveis de humidade na cutícula, o cal dá lugar a un cambio de cor na maioría dos casos.[5] Como o cambio se debe á humidade reinante, é un proceso reversible; porén, observouse que despois de múltiples cambios de cor ou un alto estrés os escaravellos manteñen algunhas manchas negras na súa cutícula.[4] Algunhas hipóteses de por que ocorre este cambio de cor son a capacidade de camuflarse no ambiente que o rodea dependendo do momento do día (negro de noite, amarelo de día) para evitar mellor o seu principal depredador, o moucho Megascops choliba.[5] Outra teoría ten que ver coa termorregulación, na cal os escaravellos negros se quentan máis rápido que os de cor amarela e despois, unha vez que xa están quentes, teoricamene haberá menos humidade na cutícula, o que orixinará un cambio de cor, e así non se quentan tan rápido e evítase o sobrequecemento.[5]
Especies
Actualmente existen oito especies recoñecidas neste xénero, sen contar as subespecies posibles de D. hercules:
Aínda que hai varias especies dentro do xénero Dynastes, algunhas poden producir descendencia viable apareándose con outras.[2] Isto foi observado en catividade, pero non está claro se os escaravellos na natureza realizan estes actos de hibridación.[2] Certas especies como D. grantii e D. hyllus crese que son especies irmás, mentres que D. tityus se pensa que é un taxon irmán da liñaxe de América Central chamada "hércules branco".[2] A especie intermedia que fai de ponte entre a liñaxe do "hércules branco" e a do "hércules xigante" pénsase que é D. maya.[2]
Ciclo vital
A fase larvaria de Dynastes hercules dura un ou dous anos, durante os que a larva medra ata os 11 cm de lonxitude e
adquire un peso de 100 g. A maior parte da vida da larva pasa dentro de túneles que fai na madeira podre. Despois do período larvario, transfórmase en pupa, da que sae o adulto. Os adultos da maioría das especies poden vivir de dous a dez meses[8] e nalgunhas poden vivir un ou dous anos. A especie D. tityus pode vivir de seis a 23 meses en catividade cun período de hibernación.[8]D. grantii adoita ter unha vida adulta máis curta na natureza (de dous a catro meses), mais en catividade vive o mesmo tempo que D. tityus.[8] Tamén se observou que a gran lonxevidade en catividade é posible sen un período de hibernación.[8]
↑ 4,04,14,2Rassart, M; Colomer, J-F; Tabarrant, T; Vigneron, J P (2008-03-11). "Diffractive hygrochromic effect in the cuticle of the Hercules beetle Dynastes hercules". New Journal of Physics (IOP Publishing) 10 (3): 033014. ISSN1367-2630. doi:10.1088/1367-2630/10/3/033014.
↑ 8,08,18,28,3Krell, Frank-Thorsten; Krell, Victoria H. I. (2015). "Longevity of the Western Hercules beetle, Dynastes grantii Horn (Coleoptera: Scarabaeidae: Dynastinae)". The Coleopterists Bulletin (Coleopterists Society) 69 (4): 760–760. ISSN0010-065X. doi:10.1649/0010-065x-69.4.760.
Véxase tamén
Bibliografía
Hardy, 2003 - Description of a new species of Dynastes Kirby, Besoiro, Nr. 9