Ducado de Cornualla

Escudo do ducado de Cornualla.

O ducado de Cornualla é un título nobiliario da coroa británica e que corresponde ao fillo máis vello e herdeiro do monarca. Dende 2022 o duque de Cornualla é Guillerme de Gales.

O ducado de Cornualla

O ducado de Cornualla posúe unha extensión de 52 449 hectáreas localizadas, fundamentalmente, ao longo de vinte condados no sueste de Inglaterra e nas illas Scilly.[1] Polo tanto, a maior parte das propiedades do ducado están fóra de Cornualla, pois aló ten 7 571 hectáreas.[2]

Anualmente, o ducado de Cornualla proporciona uns ingresos de máis de 20 millóns de libras esterlinas que se destinan a manter ás obras públicas e privadas da familia do titular.[3] Estímase que cobra o arrendamento dunhas 600 residencias e 700 labradíos.[4]

Ademais, sendo duque de Cornualla, Carlos III do Reino Undio promoveu a edificación das cidades planificadas de Poundbury (Dorset) e Nansledan (Cornualla) dentro das terras do ducado.[5][6] Tamén destacou polo pulo dado á agricultura sustentable nas súas explotacións e o coidado da biodiversidade.[7]

Historia

A partir do século XIV algunhas monarquías europeas crearon señoríos que cederon aos herdeiros primoxénitos do rei para que as rendas do mesmo os dotase dun patrimonio de seu. Deste xeito, o título foi creado en 1337 polo rei Eduardo III para o seu fillo e herdeiro, Eduardo de Woodstock, chamado o "príncipe negro".[8] Dende entón este título corresponde ao fillo máis vello do rei de Inglaterra, a quen tamén se lle outorgan os títulos de príncipe de Gales, e dende o século XVII, o de duque de Rothesay como herdeiro do trono de Escocia.

A persoa que máis tempo ostentou este título foi Carlos III. Entre 2005 e 2022 o título gañou notoriedade pois foi empregado por Camila do Reino Unido logo do seu matrimonio con Carlos de Inglaterra.

Lista de duques de Cornualla

Duque de Cornualla Pai Dende Até
Príncipe Negro Eduardo III 1337 1376 (morte)
Ricardo II Príncipe Negro 1376 1377
Henrique V Henrique IV 1399 (Parlamento) 1413
Henrique VI Henrique V 1421 (nacemento) 1422
Eduardo de Westminster Henrique VI 1453 (nacemento) 1471 (morte)
Eduardo V de Inglaterra Eduardo IV 1470 1483
Eduardo, Conde de Salisbury Ricardo III 1483 (Inicio do reinado do pai) 1484 (morte)
Arturo Tudor Henrique VII 1486 (nacemento) 1502 (morte)
Henrique VIII Henrique VII 1502 1509
Henrique Henrique VIII 1511 (nacemento) 1511 (morte)
Henrique Henrique VIII 1514 (nacemento) 1514 (morte)
Henrique Henrique VIII 1534 (nacemento) 1534 (morte)
Eduardo Tudor Henrique VIII 1536 (nacemento) 1536 (morte)
Eduardo VI Henrique VIII 1537 (nacemento) 1547
Henrique Estuardo Xacobe I 1603 (inicio do reinado do pai) 1612 (morte)
Carlos I Xacobe I 1612 1625
Carlos Xacobe Carlos I 1629 (nacemento) 1629 (morte)
Carlos II Carlos I 1630 (nacemento) 1649
Xacobe Francisco Estuardo Xacobe II de Inglaterra e VII de Escocia 1688 (nacemento) 1689
Xurxo II Xurxo I 1714 1727
Federico Luis Xurxo II 1727 1751 (morte)
Xurxo IV Xurxo III 1762 1820
Eduardo VII Vitoria I 1841 1901
Xurxo V Eduardo VII 1901 1910
Eduardo VIII Xurxo V 1910 1936
Carlos III Sabela II 1952 2022
Guillerme Carlos III 2022 no cargo

Notas

  1. "About the Duchy". duchyofcornwall.org. Consultado o 2022-09-18. 
  2. Becquart, Charlotte (2022-09-09). "King Charles owned lots of Cornwall from castles to Camel estuary". CornwallLive (en inglés). Consultado o 2022-09-18. 
  3. "What is the Duchy of Cornwall - and what does it mean for Prince William?". ITV News (en inglés). 2022-09-12. Consultado o 2022-09-18. 
  4. "The Duchy of Cornwall: facts". www.princeofwales.gov.uk (en inglés). Consultado o 2022-09-18. 
  5. Saunders, Doug (2022-09-16). "Poundbury, the experimental town designed by King Charles, offers a window into his thinking". The Globe and Mail (en inglés). Consultado o 2022-09-18. 
  6. Smallcombe, Mike (2019-10-20). "Life inside the new town being built by Prince Charles in Cornwall". CornwallLive (en inglés). Consultado o 2022-09-18. 
  7. Griffin, Susan (2022-04-18). "Behind the scenes of the Duchy of Cornwall". Great British Life (en inglés). Consultado o 2022-09-18. 
  8. "History of the Duchy". duchyofcornwall.org. Consultado o 2022-09-18. 

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas