O Ducado de Alba de Tormes, comunmente denominado ducado de Alba a secas, é un título nobiliario hereditario que o rei Henrique IV de Castela outorgou, en 1472, a García Álvarez de Toledo y Carrillo de Toledo, II conde de Alba de Tormes, ao converter o seu condado de Alba de Tormes nun ducado, que hoxe en día, e dende hai máis de cincocentos anos, é un dos principais e máis tradicionais títulos do Reino de España e o que lle dá nome á Casa de Alba, como propietaria deste, constituíndo a liñaxe familiar máis importante de España en soleira, avoengo e relevancia histórica.
A primeira foi a Casa de Alba orixinal ou casa de Toledo, que durou case tres séculos, ao longo dos cales se sucederon once duques e que se prolongou dende a súa creación ata a súa extinción en 1755 a causa da morte de María Teresa Álvarez de Toledo y Haro, o XI titular e primeira muller en ostentar o ducado. Aos representantes desta primeira Casa, que foi a que se perpetuou por máis tempo, coñéceselles co nome de Albas maiores debido a que os seus duques tiveron unha moi destacada actuación na historia da Monarquía Hispánica sendo a máis tradicional das tres.
A segunda ou casa de Silva, foi a que se prolongou unicamente por algo menos de medio século durante o cal a herdaron dous duques, que comezou con Fernando de Silva y Álvarez de Toledo -o fillo da XI duquesa- e se estendeu ata 1802, ano do falecemento sen descendencia directa de María Teresa de Silva Álvarez de Toledo, o XIII xefe da liñaxe e a segunda muller que ostentou o título ducal. Foi a casa que menos duración temporal e menos titulares tivo e continuou fortemente vinculada á familia orixinaria dos Álvarez de Toledo.
A terceira ou casa de Fitz-James Stuart, é a que se estendeu por algo máis de dúas centurias e que se iniciou cun descendente do fillo bastardo do rei Xacobe II de Inglaterra, primo segundo da XIII duquesa, e que continúa ata a actualidade.