Os termos drogodependencia, drogadicción e farmacodependencia fan referencia á adicción xerada pola exposición repetida a unha substancia psicoactiva, droga ou substancia adictiva. No seu glosario máis recente, a OMS define a dependencia do alcol e doutras substancias como «unha necesidade de consumir doses repetidas da substancia para atoparse ben ou para non sentirse mal».[1] As súas características son: un desexo invencible ou unha necesidade de consumir droga e de procurala por todos os medios, unha tendencia a aumentar as doses e unha dependencia de orixe psíquica e ás veces física por mor dos efectos da droga.[2]
Equivale, máis ou menos, á síndrome de dependencia mencionado na CIE-10 (ICD-10, en inglés). Este termo intercámbiase a miúdo co de adicción, aínda que na actual edición do seu Manual diagnóstico e estatístico dos trastornos mentais (a edición máis recente é a quinta: DSM-V) a Asociación Estadounidense de Psiquiatría separa claramente os trastornos inducidos por substancias dos trastornos adictivos non relacionados con substancias.[3] Así pois, a drogodependencia é só un dos dous tipos existentes de adiccións.
Notas
↑Ministerio de Sanidad y Consumo de España (1994). Glosario de términos de alcohol y drogas(PDF). CENTRO DE PUBLICACIONES - MINISTERIO DE SANIDAD Y CONSUMO. NIPO 351-08-103-7.
↑AJ Giannini, RQ Quinones, DM Martin. Role of beta-endorphin and cAMP in addiction and mania. Society for Neuroscience Abstracts. 15:149, 1998.