Fundárona Agustín Magán, Luis Rodríguez Míguez e Mariluz Villar Otón, entre outros, previo ao movemento Abrente (Mostras de Ribadavia). Constitúe o nacemento do teatro contemporáneo en Galicia, entendido como feito espectacular. O seu labor divídese en dúas etapas, a primeira que comprende dende o ano 1960 ata 1975, con dedicación ao teatro en castelán, e a segunda dende 1970 á actualidade, con dedicación ao teatro en galego. Con respecto a esta última, destácase a introdución de textos irlandeses na dramaturxia galega.
Con respecto á primeira etapa, Ditea fai un teatro ecléctico, cun interese de difusión teatral baseado nun criterio universalista. Representa oito autos sacramentais na Praza da Quintana, en Santiago. Dedícase ao novo teatro español e ao teatro realista, con representación de autores como Alfonso Sastre ou Fernando Arrabal, dá un repaso exhaustivo ao teatro mundial e de tódalas épocas, incluído o de vangarda. Participa tamén na vida cultural teatral coa organización de xornadas e conferencias. O colectivo promove a actuación de Los Goliardos, entre outros, en Santiago e invita conferenciantes como José Monleón, Ricardo Doménech ou Ricardo Carballo Calero). Ditea participa na instauración en 1963 do Día Mundial do Teatro en Galicia, ou a posta en escena de textos coetáneos. Xera ademais nesta primeira etapa un gran número de críticas e páxinas dedicadas en prensa.