Diego de Muros, nado en Muros e finado en Las Palmas de Gran Canaria en 1506, foi un relixioso galego. É coñecido como Diego de Muros II para distinguilo de dous familiares seus do mesmo nome.
Traxectoria
Diego de Muros II era fillo de Vasco López de Burgos, rexedor de Santiago de Compostela, e de Mayor Pérez.
En 1474 era cóengo da catedral de Santiago de Compostela, vivindo das rendas procedentes do sostemento de diferentes beneficiados. En 1482 era Secretario de Pedro González de Mendoza. En 1486 foi nomeado arcediago de Carmona, dignidade que fora creada na catedral de Sevilla sendo arcebispo Diego Hurtado de Mendoza, sobriño do Cardeal, e que quedara vacante trala morte de Juan de Marquina.
En 1490 pide protección ante os Reis Católicos para os beneficiados simples que posúe en diferentes parroquias galegas, entre as que menciona como medios beneficios Santa María de Troáns (Cuntis), Santa María de Rodeiro (Oza-Cesuras), Santiago de Vilamaior (Ordes), Santa Cristina de Montouto (Abegondo), Santiago de Cercio (Lalín), Santo Estevo de Paleo, San Pedro de Querentes, San Xoán de Samir e San Cristovo de Folgoso. Amais, reclamaba como beneficios completos os de Santiago de Prevediños, San Cristovo de Beseño e San Vicenzo de Bama (Touro), San Salvador de Ledesma (Boqueixón), Santiago de Vilariño (Castroverde), Santa María de Lañas (Arteixo), San Xoán de Borneiro (Cabana de Bergantiños) e Santa María de Marrozos (Santiago de Compostela).
Nese mesmo ano concédenselle os títulos de párroco da vila de Muros, trala morte de Rodrigo de Lugo, así como o de arcediago de Toro (dado polos Reis Católicos o 20 de abril), e de arcediago de Castela e chantre de Santiago de Compostela trala morte de Alvar Rodríguez.
En 1493 desfruta dos beneficios propios da coenxía de Sevilla, malia que correspondía legalmente a Alonso de Cortés. Chegou a gozar conxuntamente de catro coenxías (pelexando por conseguir dúas máis), un nomeamento de párroco outorgado directamente polo Papa, e dezasete beneficios menores en diferentes parroquias galegas.
Bispo das Canarias
Diego de Muros II fora incluído nunha lista de posibles bispos que Isabel a Católica mandara redactar segundo o acordado coa Santa Sé. Pola súa banda, o Papa Alexandre VI mandara expedir as bulas para Canarias. Foi nomeado bispo o 21 de xullo de 1496, consignándose na bula de nomeamento a necesidade de dar ao seu antecesor, o finado Miguel López de la Serna, un digno sucesor que destacase "pola súa pureza de vida, honestidade de costumes e recto xuízo para os negocios espirituais e temporais", sendo proposto ante o Papa polo seu propio fillo, o Cardeal Cesar Borja.
En 1497 Diego de Muros xa residía nas illas Canarias, e nese ano redactáronse as constitucións do primeiro sínodo diocesano das Canarias, levándose a cabo unhas segundas en 1506. Segundo deixou escrito José de Viera y Clavijo, realizou visitas pastorais en 1498 e 1503, o que indica que residiu nas illas durante todo o seu pontificado, algo pouco habitual nos prelados da época, e menos nos nomeados para as dioceses atlánticas.
Durante o seu bispado lexislou sobre temas pastorais, que tiveron gran resonancia nas constitucións sinodais promulgadas polos seus sucesores Fernando Vázquez de Arce e Cristóbal de la Cámara y Murga.
Descoñécese a data da súa morte, se ben o seu sucesor, Pedro López de Ayala, foi nomeado o 20 de outubro de 1507 por morte de don Diego, transcorrendo entrementres tempo abondo para que os reis presentasen ao bispo electo ante a curia romana. O seu falecemento debeu ser antes do 26 de outubro de 1506, xa que ese día o arcediago de Tenerife visitou o señorío episcopal de Agüimes para prover os cargos de alguacil, alcalde e escribán, xa que o bispo falecera.
Véxase tamén
Bibliografía
- González Novalin, J. L.: Don Diego de Muros, Obispo de Canarias, su personalidad humanística y su aportación literaria a las Crónicas Granadinas del 1487 y 1488. Anuario de Estudios Atlánticos, nº 40, 1974, Ed. Patronato de la Casa de Colón. Madrid - Las Palmas de Gran Canaria.