Delft Aerospace Rocket Engineering (DARE) (en galego: "Enxeñaría de Foguetes Aeroespaciais") é unha asociación estudantil da Universidade de Tecnoloxía de Delft (TU Delft), nos Países Baixos, que supera un cento de membros. O obxectivo principal deste grupo de estudantes é o desenvolvemento de tecnoloxías de foguetes sen ánimo de lucro. Todo este desenvolvemento, desde os motores á electrónica, realízase na propia institución universitaria.
Historia
DARE foi fundada en 2001 por seis estudantes da Facultade de Enxeñaría Aeroespacial como un comité dentro da iniciativa da Comisión Europea Leonardo da Vinci e hoxe é un dos equipos máis recoñecidos da súa universidade, xunto con Nuna, Forze e DUT Racing.
Ao longo dos anos, DARE desenvolveu coñecementos especializados nas tres tecnoloxías principais da propulsión de foguetes (sólida, líquida e híbrida) e os seus membros levan a cabo múltiples conferencias e publican artigos anualmente.
Aproximadamente o 70 por cento dos seus membros proveñen da Facultade de Enxeñaría Aeroespacial da Universidade de Tecnoloxía de Delft, e o 30 por cento restante pertence doutras facultades, como a de Enxeñaría Mecánica, a de Enxeñaría Eléctrica, a de Física Aplicada e a de Deseño Industrial. DARE tamén conta cun número importante de estudantes internacionais.
Proxectos principais
Proxecto Stratos
Aínda que a DARE está a levar a cabo diversos proxectos, o buque insignia do grupo é o proxecto Stratos, no que se encadrou o foguete Stratos I, que foi lanzado en 2009 e estableceu o récord europeo de altitude para foguetes a nivel afeccionado, en 12,5 km.[1][2] A continuación deste foguete foi o Stratos II+, que se lanzou o 16 de outubro de 2015 e alcanzou unha altitude de 21,5 km e rompeu o récord europeo de altitude.[3]
Aínda que DARE coopera co exército para levar a cabo os seus lanzamentos con seguridade, a súa tecnoloxía é estritamente non militar.
Outros proxectos
- Cansat.[4]
- Solid Six.[5]
- Dawn.[6]
- Deimos.[7]
- Advanced Control Team.[8]
- Electronics.[9]
- Safety Board.
Instalacións
Talleres e laboratorios
O traballo de DARE desenvólvese en dous lugares no campus de TU Delft. O primeiro deles, chamado LaikaLab, é un taller orientado á fabricación, onde ten lugar a maior parte da produción de foguetes. O segundo lugar é un espazo de oficinas para reunións, deseño teórico e desenvolvemento da electrónica. Esta instalación, chamada KorolevLab, localízase na facultade de Enxeñaría Eléctrica, Matemáticas e Informática da universidade, e funciona en cooperación con Instituto de Robótica de TU Delft.[10]
Lanzadeiras
DARE leva a cabo habitualmente entre dúas e catro xornadas anuais de lanzamento de foguetes de pequena escala, que acadan un máximo de dous quilómetros de altitude. Estes lanzamentos teñen lugar nun establecemento militar preto de 't Harde, no norte dos Países Baixos. Para acadar altitudes superiores, DARE participa ocasionalmente en campañas de lanzamento noutros lugares de Europa.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas