Declaración de Arbroath

Representación actual do acto de sinatura da Declaración de Arbroath, celebrada en Stirling.

A Declaración de Arbroath foi unha declaración de independencia do Reino de Escocia, asinada o 6 de abril de 1320 en Arbroath por 51 señores feudais. A declaración consistiu nunha carta enviada ao papa Xoán XXII, onde lle solicitaban ao pontífice que recoñecese a soberanía de Roberto I de Escocia sobre o territorio escocés. A Declaración, que aínda se conserva hoxe, é unha das tres misivas que debeu recibir o papa, canda unha do clero e outra do propio monarca escocés.

Contexto

Logo das guerras que enfrontaron a escoceses e ingleses a comezos do século XIV, e que remataran coa vitoria das tropas comandadas por Roberto I de Escocia, o monarca inglés Eduardo I seguía a facer incursións e ataques sobre o terreo dominado por Roberto I. Este decide acudir ás instancias internacionais á busca de recoñecemento, e diríxese ao Papa de Roma.

O documento

Estatua de Roberto I de Escocia.

A Declaración de Arbroath foi escrita en latín da man, crese, do bispo Alexander Kininmund e do abade Bernard de Linton, da abadía de Arbroath, que era o chanceler de Escocia no tempo. Na data da declaración, o 6 de abril de 1320, non se produciu ningunha xuntanza de nobres para debateren os contidos. O seu contido fora xa decidido nunha asemblea previa, na abadía de Newbattle, no mes de marzo. Os selos dos oito duques e dos outros 41 nobres escoceses fóronselle engadindo ao documento nas seguintes semanas, ou mesmo meses. Posteriormente, con todos os seus selos, a declaración enviouse á corte do papa, en Avignon.

Non está comprobado nin o posicionamento do papa perante o documento, nin que o seu posicionamento tivese influencia no monarca inglés. En todo caso, o 1 de marzo de 1328 o rei inglés Eduardo III asinou o tratado de Northampton que lle puña remate aos conflitos con Escocia e onde renunciaba a calquera reclamación de territorio escocés.

A copia orixinal, así como as outras dúas cartas que deberon acompañar a esta (a do clero e a do propio monarca Roberto I), perdéronse, pero unha copia desta gárdase aínda no Arquivo Nacional de Escocia, en Edimburgo.

Interpretación

Arquivo Nacional de Escocia.

A Declaración contén algúns aspectos historicamente importantes. Por exemplo, fai referencia a Escocia como un reino que sempre foi independente (máis incluso cá propia Inglaterra), menciona os "inxustos" ataques do rei inglés e as súas atrocidades, recoñece a Roberto I como o líder na defensa de Escocia, e particularmente, que a independencia de Escocia é un dereito dos escoceses, máis ca un dereito do rei de Escocia, é dicir, outórgalle á nobreza a capacidade de rexeitar o rei e nomear outro se este actúa contra a soberanía de Escocia.

A miúdo ten sido pois interpretada como unha expresión moi temperá da "soberanía popular", posto que coloca o rei como elixíbel pola poboación (de feito, pola nobreza), e non pola divindade. Pero tamén pode ser interpretado como unha escusa do propio monarca, que se viu forzado a loitar contra Inglaterra para non ter que abandonar o trono.

Influencia

Reprodución da Declaración de Arbroath (1320).

A retórica da Declaración de Arbroath foi ben coñecida, tanto en Escocia como fóra, e hai quen asegura que puido inspirar o texto da Declaración de Independencia dos Estados Unidos de América[1]. Tamén se manteñen os debates interpretativos sobre a relevancia do documento no que respecta o protodemocrático dereito do pobo de escoller o seu rei, ou de se se trata unicamente dun comaquén cunha única finalidade propagandística e que tivo o monarca e o abade Bernard como impulsores.

Porén, non se discute que o documento xogou un papel no recoñecemento da identidade nacional escocesa e na creación da crenza común de que en Escocia quen ten a soberanía é o pobo, e non o monarca ou o parlamento. Tamén influíu na máis moderna Declaración de Calton Hill, que buscaba a proclamación da república escocesa en 2004.

Tamén houbo quen empregou as referencias que na Declaración hai ao éxodo do pobo de Israel para apoiar a tese escocesa do israelismo británico, que cre que os primeiros poboadores das Illas Británicas procedían das tribos perdidas de Israel.

Notas

Abadía de Arbroath
  1. BBC (ed.). "The Declaration of Arbroath, 1320. BBC - History - Scottish History" (en inglés). Consultado o 16.09.2009. 

Véxase tamén

Ligazóns externas