Dalmacio Bragado Ruiz, nado en Villalonso (provincia de Zamora) en 1893[1][2] e finado en Vigo o 4 de abril de 1986[1], foi un sindicalista e escritor anarquista galego.
Traxectoria
Fillo dos labregos zamoranos Urbano Bragado e Fulgencia Ruiz[2], ao chegar á idade adulta foi chamado para facer o servizo militar no norte de África, onde aprendeu a ler e escribir[1]. Posteriormente emigrou cara a Bilbao, onde tomou contacto co anarcosindicalismo e integrouse na CNT.
Etapa en Bilbao
O 23 de febreiro de 1921 era membro do obreiro e anarquista Sindicato Único. Ese día o alcalde de Reus, Manuel Sardà Martí, foi asasinado fronte ao seu domicilio polos disparos de dous individuos[3]. Críase que o atentado era consecuencia de ter o alcalde favorecida a chegada de pistoleiros dos Sindicatos Libres, apoiado pola patronal[4]. Como Bragado cobraba dietas do sindicato polos seus frecuentes desprazamentos a Barcelona, a policía sospeitou del e dous días despois foi detido, xunto a outros anarquistas[5]. Non se demostrou a súa participación no atentado e foi posto en liberdade.
Poucos meses despois Bragado viuse involucrado noutro asunto delitivo. Nesta ocasión caeron sobre el as sospeitas de ter participado nunha onda de roubos durante o mes de outubro do mesmo ano. A mañá do día 15 o pagador dos obreiros da fábrica manufacturera de xute de "Rica Hermanos" en Arbuio (Alonsotegi, Biscaia) foi atracado por catro persoas, que levaron unhas dez mil pesetas en billetes e moedas de prata. A policía de Gordexola capturou a un deles chamado Doroteo del Cura, que levaba parte do botín e recoñeceu os feitos, así como inculpou tamén a Valeriano Gómez Sáiz, Casimiro Sarasola e a «un tal Bragado». No mesmo día, pero polo serán, outros dous atracadores ameazaron ao pagador das obras da Casa Lezama-Leguizamón en plena Gran Vía bilbaína e roubáronlle case tres mil pesetas. Outra persoa viu precisamente a dous sospeitosos enterrar en Indautxu o saco co diñeiro e dúas pistolas Star, que foron recuperados pola policía[6][7]. Dous dos asaltantes do primeiro atraco foron detidos na chamada «mina de Zumaya» en Gordexola[8][9] e, por fin, Dalmacio Bragado foi detido ao día seguinte na bilbaína rúa de Bailén. A teoría da policía era que estaban organizados polo sindicalismo local, e así cualificaron a Bragado de «individuo perigoso» e de instigar a un desempregado (o tal Del Cura) a colaborar no asalto. Ademais, tamén foron detidos outros sete sindicalistas como colaboradores[10]. Poucos días despois a fábrica de Rica Hermanos sufriu un grande incendio[11][12], o que parecía confirmar as sospeitas policiais ao semellar un acto de vinganza dos compañeiros anarquistas. É posible que como consecuencia da detención, fose este o momento no que o escritor Antón Briallos sinala que Bragado foi levado en «condución forzosa» ata Valdepeñas nunha corda de presos[1].
O xuízo polo atraco ao pagador da fábrica de "Rica Hermanos" tivo lugar en Bilbao a finais de febreiro e principios de marzo de 1923. Na causa, Bragado foi declarado non culpable[13] e só resultou condenado «como encubridor» Doroteo del Cura con mil pesetas de multa e outras seis mil de indemnización á familia De la Rica, propietaria da fábrica[14][15].
Chegada a Vigo
Sobre o mes de abril Dalmacio Bragado decidiu abandonar o País Vasco e asentarse en Vigo, pouco antes de instaurarse a ditadura de Primo de Rivera. O primeiro emprego que tivo foi na fábrica de La Electra[16], que xusto nese momento estábase a fusionar con outras compañías eléctricas galegas para crear a Sociedad General Gallega de Electricidad. Case inmediatamente entrou en contacto co anarquismo local, particularmente con José Villaverde Velo, fundador e director do xornal Solidaridad Obrera, que acababa de deixar de publicarse un ano antes, e con Manuel Montes Don[1]. Con eles a organización anarquista na ría de Vigo obtivo un novo pulo e converteríanse en figuras senlleiras do sindicalismo galego. Non obstante, a chegada de Bragado coincidiu cun acrecentamento da violencia como método para acadar os obxectivos da loita sindical[17]. Así, o 26 de abril, no contexto dunha folga que os obreiros carpinteiros levaban a cabo desde principios de ano, estourou un artefacto explosivo[18] na rúa Marqués de Valladares, no domicilio de José Sánchez Puga, presidente da Asociación de madeireiros[19][20][21][22][23][24]. Non foron moitos os danos, pero a acción chamou a atención pola súa anormalidade. E á esta engadiuse outra tentativa de atentado apenas dous días despois. Sucedeu na rúa das Travesas, no serradoiro de Adolfo Alonso, onde uns obreiros atoparon unha bomba similar que non chegou a estalar por mor da choiva que caera ese día e asolagara en parte o local[25][26]. Enseguida relacionouse co conflito dos carpinteiros. Por outra banda, neses días a loita sindical estendeuse tamén a outros colectivos, como os albaneis e os canteiros vigueses[27].
O 19 de xullo, ás seis menos cuarto da tarde, produciuse un estouro na sede da Casa do Pobo de Vigo, na rúa García Barbón[28]. Tras a confusión inicial comprobouse que, ademais dos danos producidos no inmoble (que posteriormente foron taxados en apenas dez pesetas), había dúas persoas gravemente feridas, os albaneis Valentín Iglesias Pérez e Ángel Rial Estévez, veciños de Sárdoma. Coas primeiras pescudas comprobouse que os dous estaban fabricando unha bomba nun tubo de ferro[29][30][31], seguindo as instrucións contidas nun papel que tiña o primeiro no peto, e que por unha incorrecta manipulación acabou por estoupar. Esta nota conduciu case inmediatamente á detención de Dalmacio Bragado como indutor da súa fabricación. Atoparon no seu poder «dous folletos comunistas, carnés estendidos a nomes distintos e varias fórmulas para fabricar bombas e explosivos»[32][16][33][34]. Enseguida comezaron a relacionar a chegada de Bragado coa campaña de bombas que case tres meses antes azoutou Vigo[33][35][36]. Os tres, Valentín, Ángel e Dalmacio, foron presos e sometidos a acareos e interrogatorios[37], quedando nesta situación até o xuízo.
A vista tivo lugar o día 29 de outubro na Audiencia provincial de Pontevedra[38] e a fiscalía foi especialmente rigorosa con Valentín e Dalmacio, mentres que Ángel conseguiu un trato a cambio da confesión. Polo seu lado, a defensa argüía que a bomba estaba sendo fabricada para a pesca da troita, polo que pedía a absolución[39]. Finalmente, o día 2, a sentenza foi liviá para Rial e Iglesias, que foron condenados a dous meses e un día de prisión e foron postos en liberdade por tela xa cumprida ao longo da prisión provisional. Porén, Bragado foi sentenciado á «pena de catro anos de presidio correccional»[40].
Ao longo dos inmediatos anos seguintes non aparecen máis novas de Dalmacio Bragado, coincidindo co tempo de condena, que, de ter sido cumprida completamente, levaría á súa posta en liberdade en xullo de 1927. Non obstante, nese tempo naceron polo menos dous dos seus fillos, María e a primeira Emma, que faleceu en 1928.
A súa loita sindical ata o golpe de estado de 1936
Secretario do comité local da CNT de Vigo en 1930.[41] Colaborou en La Tierra[1], ¡Despertad! e Mar y Tierra.
En 1936 era vicepresidente do sindicato de boteiros da CNT. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi reclamado polo xuíz militar mediante requisitoria o 20 de agosto,[42] e finalmente foi detido. Xulgado en Vigo por rebelión militar, foi condenado a cadea perpetua. Logo da morte de Franco, interveu na reorganización do Comité Regional de Galicia da CNT en Vigo, xunto a José Luís Quintas Figueroa, Víctor Francisco Cáceres e Jaime Garrido Vila.
Vida persoal
Coa súa compañeira tivo polo menos cinco fillos: María (Vigo, 16-2-1925)[43], Emma (Vigo, 19-5-1926—id., 28-2-1928)[44][45], Blanca († Vigo, agosto 1927)[46], Dalmacio Florear (Vigo, 13-4-1928)[47] e Emma Bragado Doyague (Vigo, 14-4-1930—id., 25-10-2016)[48].
Obra
- Derivaciones y consecuencias del lock-out pesquero de Vigo (xaneiro de 1933)[49]
Notas
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 (Briallos 2004, p. 23). Esta fonte dá como ano de nacemento o de 1893.
- ↑ 2,0 2,1 "Requisitoria". El Pueblo Gallego (en castelán) (Vigo). 31-10-1937. p. 2. Esta fonte di que en 1937 conta 41 anos, polo que o seu nacemento tería sucedido en 1896, aproximadamente.
- ↑ "Detalles de la muerte del alcalde de Reus". La Libertad (en castelán) (Madrid). 25-2-1921. p. 3.
- ↑ Olesti Trilles, Josep (1992). Diccionari biogràfic de reusencs (en catalán). Reus: Ajuntament de Reus. p. 599.
- ↑ "Bilbao". El Magisterio Español (en castelán) (Madrid). 26-2-1921. p. 12.
- ↑ "El hampa en acción. Atracos en Bilbao". La Rioja (en castelán) (Logroño). 18-10-1921. p. 2.
- ↑ "Dos atracos. Bilbao". La Correspondencia de España (en castelán) (Madrid). 17-10-1921. p. 3.
- ↑ "De Bilbao. Dos atracos". El Cantábrico (en castelán) (Santander). 16-10-1921. p. 3.
- ↑ "Noticias de Bilbao (por teléfono). Racha de atracos". La Atalaya (en castelán) (Santander). 16-10-1921. p. 3.
- ↑ "Vizcaya. Los sindicalistas organizaban los atracos". El Debate (en castelán) (Madrid). 18-10-1921.
- ↑ "Incendio. Bilbao". Las Provincias (en castelán) (Valencia). 27-10-1921. p. 5.
- ↑ "Incendio en una fábrica. Los obreros auxilian a los bomberos". El Liberal (en castelán) (Madrid). 27-10-1921. p. 1.
- ↑ "Información de Bilbao. Juicio oral". La Libertad (en castelán) (Vitoria). 1-3-1923. p. 2.
- ↑ "Los autores de un atentado". El Sol (en castelán) (Madrid). 2-3-1923.
- ↑ "Vascongadas". La Provincia (en castelán) (Teruel). 4-3-1923. p. 2.
- ↑ 16,0 16,1 "Nuevas noticias del suceso de la Casa del Pueblo". Galicia. Diario de Vigo (en castelán) (Vigo). 21-7-1923.
- ↑ O cronista do accidente producido o 19 de xullo na Casa do Pobo, á consecuencia da fabricación dunha bomba por elementos da organización, manifestaba a súa incredulidade perante o sucedido porque, «coñecedores da cordura e a sensatez que informaron sempre aos obreiros vigueses en todos os actos da súa acción proletaria, incluso nos momentos en que a loita se presentaba en termos violentos, parecíanos imposible que na residencia oficial dos traballadores de Vigo acontecese algo tráxico, manifestárase no seu aspecto máis enconado —o fluír do sangue— a loita de clases» (Galicia. Diario de Vigo, 20-7-1923, p. 1, 3º par.).
- ↑ Un petardo, segundo gran parte das fontes.
- ↑ "Esta mañana fue colocado un petardo...". Diario de Pontevedra (en castelán) (Pontevedra). 26-4-1923. p. 2.
- ↑ "Desde Vigo. Un petardo". La Integridad (en castelán) (Tui). 26-4-1923. p. 2.
- ↑ "Sucesos regionales. Explosión de una bomba en Vigo". El Compostelano (en castelán). 27-4-1923. p. 2.
- ↑ "Explosión en Vigo. Estalla una bomba en el domicilio del presidente de los madereros". El Orzán (en castelán) (A Coruña). 7-4-1923. p. 2.
- ↑ "Explosión de un petardo en Vigo". El Progreso (en castelán) (Pontevedra). 28-4-1923. p. 2 e 3.
- ↑ "Sucesos regionales. Explosión de un petardo en Vigo". El Regional (en castelán) (Lugo). 28-4-1923. p. 2.
- ↑ "De Vigo. Hallazgo de una bomba". El Orzán (en castelán) (A Coruña). 28-4-1923. p. 2.
- ↑ "En Vigo. Una bomba que no hace explosión". La Zarpa (en castelán) (Ourense). 28-4-1923. p. 2.
- ↑ "El conflicto planteado hace cuatro meses...". La Integridad (en castelán) (Tui). 3-5-1923. p. 1.
- ↑ "Desde Vigo. Explosión de una bomba en la Casa del Pueblo". La Integridad (en castelán) (Tui). 20-7-1923. p. 3.
- ↑ "Ayer en la Casa del Pueblo de Vigo. A consecuencia de una explosión resultan dos hombre heridos". Galicia. Diario de Vigo (en castelán). 20-7-1923. pp. 3 e 8.
- ↑ "Desde Vigo. Explosión de una bomba en la Casa del Pueblo". La Integridad (en castelán) (Tui). 20-7-1923. p. 3.
- ↑ "En la Casa del Pueblo de Vigo explota una bomba". El Progreso (en castelán) (Pontevedra). 21-7-1923. p. 2.
- ↑ "En Vigo. Explosión de una bomba. Una detención de importancia". El Sol (en castelán) (Madrid). 21-7-1923. p. 3.
- ↑ 33,0 33,1 "De la explosión de Vigo. Detención de un sindicalista. La policía le concede gran importancia. Estado de los heridos". Heraldo de Madrid (en castelán) (Madrid). 21-7-1923. p. 4.
- ↑ "La explosión de una bomba en Vigo. Detención de un sindicalista". La Voz (en castelán) (Madrid). 21-7-1923. p. 8.
- ↑ "Sindicalista detenido en Vigo. Había facilitado la fórmula de fabricar bombas". El Debate (en castelán) (Madrid). 23-7-1923. p. 2.
Como Dalmacio reside en Vigo desde hace tres meses y hace próximamente mes y medio, con motivo de la huelga de carpinteros, hicieron explosión varias bombas, se supone ahora que sea él el autor de aquellos atentados
- ↑ "Las provincias. La bomba de la Casa del Pueblo de Vigo". La Época (en castelán) (Madrid). 23-7-1923. p. 4.
- ↑ "Después de un suceso. La bomba de la Casa del Pueblo". Galicia. Diario de Vigo (en castelán) (Vigo). 25-7-1923. p. 7.
- ↑ "Pontevedra". El Progreso (en castelán) (Lugo). 1-11-1923. p. 3.
- ↑ "Audiencia Provincial. La bomba de la Casa del Pueblo de Vigo". Galicia. Diario de Vigo (en castelán) (Vigo). 30-10-1923. p. 1.
- ↑ "Audiencia provincial. Sentencia". Galicia. Diario de Vigo (en castelán) (Vigo). 3-11-1923. p. 1.
- ↑ El Pueblo Gallego, 4-10-1930, p. 1.
- ↑ El Pueblo Gallego, 21-8-1936, p. 4.
- ↑ "Registro Civil. Nacimientos". Galicia. Diario de Vigo (en castelán) (Vigo). 17-2-1925. p. 8.
- ↑ "Registro Civil. Nacimientos". El Pueblo Gallego (en castelán) (Vigo). 20-5-1926. p. 7.
- ↑ "Registro Civil. Defunciones". El Pueblo Gallego (en castelán) (Vigo). 29-2-1927. p. 7.
- ↑ "Los que mueren". Vida Gallega (en castelán) (Vigo). 10-9-1927. p. 36.
- ↑ "Registro Civil. Nacimientos". El Pueblo Gallego (en castelán) (Vigo). 14-4-1928. p. 6.
- ↑ "Registro Civil. Nacimientos". El Pueblo Gallego (en castelán) (Vigo). 15-4-1930. p. 16.
- ↑ (Briallos 2004, p. 25). Folleto de 56 páxinas, editado pola Juventud Libertaria de Vigo e impresa na imprenta de Manuel Montero Malvar.
Véxase tamén
Bibliografía