Cérbero (tamén coñecido coma S/2011 (134340) 1 ou P4)[2] é un pequeno satélite natural de Plutón (134340 é o número asignado a Plutón no Minor Planet Center despois da súa degradación ó status de planeta anano). Foi descuberto o 28 de xuño do 2011 polo programa Pluto Companion Search Team (programa para a procura de compañeiros de Plutón) do Hubble Space Telescope, durante unha tentativa por descubrir algún anel planetario que puidese posuír Plutón.[3] Observación posteriores feitas o 3 e o 18 de xullo do 2011 deron lugar á súa verificación coma unha nova lúa de Plutón.[1][4] Foi recuperado en imaxes arquivadas do Hubble feitas o 15 de febreiro e o 25 de xuño do ano 2010.[1] Cérbero posúe un brillo que é só o 10 % do brillo de Nix, e foi atopado por que o equipo responsable do descubrimento tomou imaxes cunha exposición de 8 minutos; as observacións anteriores fixéranse con tempos de exposición máis curtos.[5]
Características
Cun diámetro estimado de entre 13 e 34 km, Cérbero é a lúa máis pequena de Plutón[6][7] e as actuais observacións suxiren unha órbita circular e ecuatorial cun raio orbital de aproximadamente 59.000 km.[1][5] A lúa orbita entre Nix e Hydra e tarda 32,1 días en facer unha órbita completa ó redor de Plutón.[1][5] Este período está moi próximo a ser unha resonancia orbital de 1:5 con Caronte, cunha discrepancia temporal (aparentemente) de menos dun 0,6%. Determinar se se trata dunha resonancia real, vai requirir de estudos moito máis detallados sobre a súa órbita, e en particular mellora-la taxa de precisión dos datos obtidos.
Coma no caso dos outros satélites de Plutón,[8] sospéitase que Cérbero podería se-lo resultado da fusión dos cascallos dunha gran colisión entre Plutón e outro obxecto do cinto de Kuiper, semellante ó impacto da teoría do Big Splash, na cal se tería formado a nosa Lúa.[3]