Célula oxífila paratiroide

Micrografía da glándula paratiroide tinguida con hematoxilina-eosina.

As células oxífilas paratiroides son células da glándula paratiroide dos humanos e outros animais[1], que se tinguen fortemente con ácidos, o que as distingue das células paratiroides máis comúns, chamadas células principais paratiroides. As célula oxífilas son moito menos abundantes na glándula ca as principais, pero son máis grandes e máis pálidas e teñen un núcleo pequeno e un citoplasma moi acidófilo (de onde lles vén o nome).[2]

O seu aparato de Golgi e retículo endoplasmático son escasos, pero as mitocondrias son abondosas e alongadas e con moitas cristas, máis numerosas ca nas células principais paratiroides, e entre elas hai gránulos de glicóxeno[3].

As células oxífilas paratiroides aparecen illadas ou en grupos pequenos entre as células principais no centro e periferia da glándula. As células oxífilas non existen no feto, aparecen en pequeno número entre os 4 e 7 anos, e aumentan na puberdade[3]. Aínda que normalmente son pouco numerosas, en casos de enfermidade renal avanzada o seu número aumenta ás veces en máis de 1000 veces.[4]

Con técnicas de escáner de medicina nuclear, estas células captan selectivamente o complexo radiotrazador tecnecio-sestamibi, e é posible delinear a anatomía da glándula.[5]

A función das células oxífilas paratiroides non se coñece, pero non interveñen na síntese da hormona paratiroide (PTH), que é a principal misión das células principais paratiroides que as rodean.

Na glándula describíronse células con características intermedias entre as oxífilas e as células principais paratiroides[3].

Os adenomas de paratiroide están compostos fundamentalmente por células principais paratiroides, e son a causa máis frecuente de hiperparatiroidismo, pero coñécense tamén casos raros de adenomas de células oxifílicas paratiroides[6][7].

Como célula oxífila significa célula afín ou amiga dos ácidos (nas tinguiduras) certas células non paratiroides con esa característica tamén se poden denominar oxífilas ou oxifílicas e non deben confundirse coas células oxífilas paratiroides. Estas outras células oxífilas aparecen en cánceres chamados oncocitomas de glándulas salivares[8], carúncula lacrimal[9] ou riles.

Notas

  1. M. Kanter. The occurrence of oxyphil cells in parthyroid glans: an ultraestruture study in cattle and horses. Eastern Journal of Medicine. 1: 51-54. 1996. [1][Ligazón morta]
  2. BUHistology|15002loa
  3. 3,0 3,1 3,2 D. W. Fawcett. Tratado de Histología. Editorial Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición. Páxinas 518-519. ISBN 84-7605-361-4
  4. A. C. Christie. The parathyroid oxyphil cells. J Clin Pathol. 1967 July; 20(4): 591–602. [2]
  5. "Minimally Invasive Radio-guided Surgery for Primary Hyperparathyroidism," Annals of Surgical Oncology 12/07 14(12) pp 3401-3402
  6. Wolpert HR, Vickery AL Jr, Wang CA. Functioning oxyphil cell adenomas of the parathyroid gland. A study of 15 cases. Am J Surg Pathol. 1989 Jun;13(6):500-4. [3]
  7. C. D. Bedetti, A. Dekker, Ch. G. Watson. Functioning oxyphil cell adenoma of the parathyroid gland: A clinopatological study of ten patients with hyperparathyroidism. Human Pathology. Vol. 15. Issue 12. December 1984. Pages 1121-1126. [4]
  8. "Oncocitoma en glándula salivar". Arquivado dende o orixinal o 09 de xaneiro de 2011. Consultado o 01 de marzo de 2012. 
  9. Dini M, Soma PF, Comin CE. Oxyphil cell adenoma (oncocytoma) of the lacrimal caruncle: a case report. Tumori. 1996 May-Jun;82(3):276-9. Oncocitoma lacrimal

Véxase tamén

Ligazóns externas