É a primeira cultura indoeuropea, e polo tanto, a polémica en séculos pasados causada pola Urheimat (patria ancestral dos indoeuropeos), é establecida segundo as hipóteses de Gimbutas nas chairas meridionais rusas, entre o nordeste do mar Negro e o noroeste do mar Caspio, acoutada polo sur polo Cáucaso.
Trátase dunha sociedade gandeira, con animais domesticados coma a vaca, o porco ou o cabalo. A grande expansión da cultura Kurgan débese a que nela tiña unha enorme importancia a clase guerreira. Os xefes eran enterrados en grandes túmulos. Xa coñecían a roda, polo que o combate o facían en carros, o cal lles daba vantaxe sobre outras culturas do seu tempo.
Adoraban os deuses dun panteón eminentemente masculino. Adoraban un deus supremo, do ceo, en contraposición da deidade suprema da cultura da Vella Europa, a deusa da terra.
Historia
A cultura Kurgan desenvólvese cara ao V milenio a.C. e, froito da súa capacidade expansiva, acada as zonas danubianas e balcánicas centroeuropeas cara ao ano 4400 a.C. A maior expansión prodúcese no IV milenio a.C.: durante este período acada a Transcaucasia e parte de Europa, cara ao 3500 a.C. Cara ao 3000 a.C. produciuse unha nova expansión cara ás rexións bañadas polo mar Exeo.
Esta cultura irá absorbendo pouco a pouco a cultura da vella Europa, presente en gran parte de Europa xa dende antes da expansión kurgan.