Corno é a denominación común de certos moluscos gasterópodos mariños caracterizados por posuír unha cuncha helicoidal e apuntada de gran tamaño. Pertencen á familiaRanellidae, da orde dos Sorbeoconcha.
Hai varias especies que reciben este nome, pero a especie tipo é a Charonia lampas (Linnaeus 1758), antes Charonia rubicunda (Perry 1811).
Morfoloxía
A cuncha é aberta, redonda e en espiral, de tamaños que superan facilmente os 20 cm e poden chegar ós 40 cm. Nas espiras sobresaen avultamentos nodosos regularmente dispostos. A superficie está marcada normalmente por incrustacións irregulares de poliquetos e outros organismos mariños.
A boca é ampla e está pechada por un forte opérculo córneo. É ampla e ovalada, cunha marxe grosa e de cor marrón.
A cor varía desde un branco agrisado ata castaño claro, sempre con debuxos máis marcados. O interior é de cor branca porcelana con manchas marróns nas marxes da boca.
Hábitat e bioloxía
O seu hábitat propio é a zona intermareal inferior, sobre fondos areosos ou pedregosos, habitualmente a pouca profundidade, entre os 8 e os 50 m.
Péscase con trasmallos e ó espello, accidentalmente con redes de arrastre, pero como non ten aproveitamento comercial tampouco é obxecto de pesca. Consómese no Xapón, ata onde se exporta unha vez extraída a vianda da cuncha. Antes de comelo cómpre abrandar a carne mediante a conxelación previa, como se fai co polbo.
O corno en Galicia
O molusco recibe tamén os nomes de apupo, bucina, buguina, bucio e carlou.
Por extensión, chámase corno ou corna á bucina feita cunha destas cunchas, furada pola punta, utilizada tradicionalmente polos mariñeiros para indicar a súa presenza a outros barcos nos néboa. Aínda hoxe é utilizada polos pescantíns ambulantes para pregoar a súa chegada. Este instrumento recibe os mesmos nomes populares que o propio molusco.