Corleone (en siciliano: Curliùni) é unha vila de preto de 11.000 habitantes situada na Cidade Metropolitana de Palermo, en Sicilia, Italia. É coñecida mundialmente por ser o lugar de nacemento de varios personaxes ficticios da novela de Mario PuzoThe Godfather, entre eles o protagonista Vito Andolini Corleone.
Foi capital dun dos distritos do Reino das Dúas Sicilias. A súa importancia histórica débese a súa posición estratéxica, a medio camiño da vella estrada que liga Palermo e Agrigento, e á súa produción agrícola, sendo un dos principais produtores de trigo da illa.
Crime
A localidade é coñecida por ser a vila natal dalgúns dos xefes de Cosa Nostra, como Michele Navarra, Luciano Leggio, Leoluca Bagarella, Salvatore Riina ou Bernardo Provenzano. Isto inspirou ao novelista Mario Puzo a ambientar nesta vila parte da súa novela The Godfather, adaptada ao cine por Francis Ford Coppola.
O crime organizado dominou á localidade durante décadas, e só recentemente algúns segmentos da poboación protestaron contra a súa influencia. Dende a década de 1990 véñense desenvolvendo moitas campañas de sensibilización e de educación por parte de asociacións de voluntariado sen fins lucrativos.
O 10 de agosto de 2016, o Goberno italiano ordenou disolver o Executivo Municipal polos seus nexos coa Mafia, sendo este o cuarto executivo disolto por estes motivos durante o goberno de Matteo Renzi.[1]