Județ pódese traducir por xurisdición, pero é comunmente traducido como provincia ou condado (sendo realmente "comitat" a verba romanesa para isto, de "comte", "conde"). Representan as NUTS-3 do país (Nomenclaturas de Unidades Territoriais para fins Estatísticos – Nivel 3) dentro da Unión Europea e cada un deles posúe o seu goberno. A maioría dos condados reciben o seu nome polo seu río principal, mentres que outros pola súa maior cidade ou pola súa capital.
A primeira organización en județe dos principados de Valaquia e Moldova (onde eran nomeados ținuturi) data de finais do século XIV. A maioría do tempo desde que se formou a moderna Romanía en 1859, o sistema de divisións administrativas estivo baseado no dos departamentos franceses. O sistema mudou varias veces, variando o número de condados, dos 71 județe que existían antes da segunda guerra mundial até os 39 que houbo tras 1968. O sistema actual está vixente desde 1968 con pequenos cambios, sendo o último deles de 1997.
Segundo os datos de 2006 do INE romanés, a poboación media dos 41 condados é de 479.300 habitantes por condado, sendo o condado de Iași o máis poboado (825.000) e o condado de Covasna (223.000) o menos. A superficie media por condado é de 5.809 km2, sendo o condado de Timiș (8.697 km2) o máis extenso e o condado de Ilfov (1.583 km2) o máis pequecho. O concello de Bucharest é porén o de menos extensión e o máis poboado, con 1 931 200 habitantes e 228 km2.
↑A maioría dos nomes actuais dos condados veñen dos ríos principais que cruzan os condados. Nalgúns casos, o nome da capital do distrito ou doutra grande cidade do distrito é tamén dado por estes ríos.
↑Estas son as abreviaturas en uso e coinciden coas matrículas dos vehículos; que tamén corresponden ao código ISO 3166-2:RO.
↑O formato do código postal é "xxyzw", onde xx indica o condado, mentres que y, z e w indican a cidade, a rúa, parte da rúa, ou aínda o predio do enderezo.
↑Coduri Postale (ed.). "bine ati venit". Consultado o 17 de maio de 2012.
↑Os números telefónicos teñen o formato "+40-abb-ccc-cccc, onde "40" é o código do país, "bb" é o código da área, e "a" é o díxito que indica a operadora: 2 para a antiga operadora nacional, Romtelecom, e 3 para outras redes de telefonía fixa.
↑DotNetNuke (26/4/2005). Anrcti.ro, ed. ":: A N C O M ::". Consultado o 17 de maio de 2012.
↑O código das rexións de desenvolvemento segue o formato ROxyz, onde "x" é o número da macrorrexión, "y" representa a rexión de desenvolvemento e pode ser 1 ou 2, e "z" é o número do condado dentro da rexión