O municipio está formado por vales que se entrecruzan con elevacións medias, a meirande parte delas cubertas por bosques de coníferas. As condicións xeográficas afectaron á economía do municipio, sendo dominante a industria da madeira aínda a que a súa importancia diminuíu.
A poboación medrou ata a metade dos anos 90 do século pasado, cando a tendencia se inverteu. Porén, a mediados da década de 2010 volveu subir o número de habitantes do municipio.
Xeografía
Hidrografía e topografía
A paisaxe está formada por vales que se cruzan con alturas intermedias, algunhas en forma de longos drumlins. O fondo dos vales atópase a uns 200 metros sobre o nivel do mar e as alturas alcanzan os 300 metros, sendo nalgúns casos máis altas. O río Svartån flúe dende o sur ata o norte a través dunha das liñas de fractura e entre os lagos Anebysjön e Ralången pasa a fervenza Stalpet, de 19 metros de altura. A meirande parte da paisaxe está cuberta de bosque, especialmente de coníferas. As terras de cultivo atópanse nas zonas altas onde a terra é de gran máis fino e o risco de xeadas é menor. Alí atópanse as granxas soas ou en fila unha tras outra. A terra cultivable está máis preto da súa granxa correspondente, mentres que os pastos e o bosque están máis abaixo na ladeira.[3]
Conservación natural
No ano 2022 había seis reservas naturais no concello de Aneby.[4] O lago Ören está clasificado como unha área Natura 2000 e na súa ribeira occidental atópase a reserva natural de Björkenäs. A zona é rica en carballos e ten unha variada paisaxe agrícola. Existen moitas árbores vellas e nodosas.[5] O bosque caducifolio de Degla está situado xunto ao lago Noen e consta de bosque caducifolio, bosque pantanoso caducifolio e zona húmida. Na reserva natural prosperan moitas especies de paxaros e doutros animais.[6] Nos anos 60 fundouse o que hoxe é unha das reservas máis pequenas e antigas do condado, Vållingsön. Situada no lago Ören é unha illa importante como punto de nidación para especies de paxaros como movellas árticas, mergullóns cristados, biluricos bailóns, carráns comúns e aguias peixeiras.[7] As outras reservas son Hyllingen, Nynäs e Åsen.[4]
Notas
↑"Län och kommuner i kodnummerordning". Statistiska centralbyrån. 2017-05-05. Archived from the original on 05 de maio de 2017. Consultado o 2022-08-06.