Colón salvadoreño

Para a antiga moeda homónima de Costa Rica, véxase Colón costarriqueño.
Colón salvadoreño
50 colóns (1999)

1 colón (1993)

Código:SVC
Ámbito: O Salvador
Símbolo:¢
Fracción:100 centavos
Moedas:1, 2, 3, 5, 10, 25, 50 centavos.
1, 5 colóns.
Billetes:5, 10, 25, 50, 100, 200 colóns.
Emisor:Banco Central de Reserva do Salvador.
Taxa de troco:
Maio de 2018
1 EUR = 10,18 SVC.
1 USD = 8,75 SVC.
Troco actual

O colón foi a unidade monetaria do Salvador desde 1892 ata 2001, cando foi substituído progresivamente no uso polo dólar estadounidense, aínda que oficialmente non deixou de ter curso legal.[1][2]

O 1 de outubro de 1892, o Goberno do presidente Carlos Basilio Ezeta, decidiu que o anterior peso salvadoreño pasase a denominarse "colón", en homenaxe a Cristovo Colón, do mesmo xeito que faría Costa Rica co seu peso catro anos despois, acolléndose a unha tendencia da época co gallo das celebracións do IV centenario da Descuberta de América, aínda que non foi ata a reforma de 1919 cando o colón substituíu formalmente o peso.[1][2]

As moedas do sistema do colón foron emitidas a partir de 1934 polo Banco Central de Reserva de El Salvador, organismo gobernamental creado o 19 de xuño dese ano para se encargar da política monetaria do país.[3][2]

O 1 de xaneiro de 2001 entrou en vigor a Lei de Integración Monetaria, baixo o Goberno do presidente Francisco Flores, que autorizaba a libre circulación do dólar estadounidense no país, cun tipo de cambio fixado en 8,75 colóns.[1][2]

No momento en que se deixou de cuñar, circulaban moedas de 1, 5, 10, 25 e 50 centavos (a moeda fraccionaria), e dun colón. Canto ao papel moeda, no momento da súa desaparición circulaban billetes de 5, 10, 25, 50, 100 e 200 colóns, e anteriormente existiran de 1 e de 2 colóns. Aínda que o colón segue a aceptarse legalmente no comercio ao tipo de cambio fixo establecido, en realidade pódese considerar como extinto, xa que nin circula nin se producen emisións con ese valor facial.[1][2]

Historia

Antecedentes

Prata cuñada nas cecas das colonias españolas en América

Antes da chegada dos españois, no territorio que se bautizou como O Salvador usábase o cacao como moeda.[4] A chegada dos conquistadores supuxo a introdución da moeda española, baseada no real de prata. Durante a existencia das Provincias Unidas do Centro de América (ou República Federal de Centro América), o sistema monetario non cambiou con respecto ao colonial e seguiu a utilizarse o real centroamericano como unidade, e o real de oito ou peso como moeda principal.

Logo de disolta a federación en 1841, o Goberno Salvadoreño xa como república independente creou como primeira moeda nacional o real salvadoreño.[1]

20 pesos de 1892

En 1883, baixo a presidencia de Rafael Zaldívar, promulgouse a primeira lei monetaria, pola que se adoptou o peso salvadoreño como unidade monetaria, inspirado no real de oito español. A nova lei tomou como base o sistema métrico decimal, xa que o peso se dividía en 10 reais (agora como moeda fraccionaria).[1]

A finais do século XIX apareceron os primeiros billetes, cuxa emisión estaba a cargo de bancos privados autorizados polo Goberno. O primeiro banco emisor foi o Banco Internacional, fundado en 1880, e houbo tamén emisións doutros como o Banco Occidental e o Banco Agrícola Comercial.[1]

Nacemento do colón

Reverso dun billete dun colón de 1920 (con sobreimpresión de 1925)

Baixo a presidencia de Carlos Ezeta inaugurouse a Casa da Moeda o 28 de agosto de 1892 e o 1 de outubro do mesmo ano, como homenaxe a Cristovo Colón no IV centenario da Descuberta de América, a Asemblea Lexislativa acordou que o peso pasase a recibir a denominación de "colón".[1][5]

En 1919 houbo unha nova reforma da lei monetaria, pola que se estipulaba que as moedas gastadas pola circulación fosen retiradas da circulación e as pezas recortadas ou perforadas fosen rexeitadas para o curso legal. Mediante esa reforma, quedou prohibido o uso de fichas privadas e vales en substitución da moeda oficial e, ademais, déuselle ao Ministerio de Facenda a facultade de controlar a circulación da moeda. O colón substituíu entón formalmente o antigo peso como moeda nacional, con valor equivalente e cunha taxa de cambio de dous colóns por cada dólar.[1]

Malia a relativa prosperidade económica dos anos 20, a depresión mundial de 1929 xunto coa caída internacional dos prezos do café e a desregulación estatal do sistema monetario causaron unha crise económica nacional. O problema principal era a carencia dunha institución especializada que se dedicase a velar para que a moeda mantivese o seu valor e a controlar a actividade bancaria; nese sentido, o Goberno do xeneral Maximiliano Hernández Martínez contratou un experto inglés chamado Frederick F. J. Powell para que analizase e reestruturase o sistema bancario salvadoreño. No seu informe final, recomendou que este se organizase en torno a un banco central que emitise a unidade monetaria, que salvagardase o seu valor e que controlase os créditos. Como resultado, por iniciativa da Presidencia da República do 19 de xuño de 1934, a Asemblea Lexislativa aprobou a lei de creación do Banco Central de Reserva de El Ecuador, que fixou o seu obxectivo en controlar o volume do crédito e a demanda de moeda circulante, e ao que se lle conferiu a facultade exclusiva de emitir colóns.[1]

Billetes do colón salvadoreño

A denominación de colón comezou a utilizarse nos billetes a partir do 31 de agosto de 1934. A nova institución bancaria puxo en circulación a primeira serie de billetes da historia salvadoreña, con valores de 1, 5, 10, 25 e 100 colóns, aos que se lle engadiu en 1955 o billete de dous colóns e, en 1979, o de cincuenta. O deseño do papel moeda foi cambiando paulatinamente e de xeito individual, e tamén deixaron de emitirse algúns dos valores da serie.[3][6]

O Banco Central de Reserva emitiu unha segunda serie de billetes, na que se introduciu o valor de 200 colóns en 1997 e o de 50 colóns en 1995.[3][6]

Billetes de colóns salvadoreños
Imaxe do anverso Imaxe do reverso Valor Cor principal Motivo do anverso Motivo do reverso
1 colón
Vermello
Cristovo Colón
Encoro "5 de noviembre"
2 colóns
Morado
Cristovo Colón
Igrexa colonial de Panchimalco
5 colóns
Verde
Cristovo Colón
Palacio Nacional
10 colóns
Azul
Cristovo Colón
Volcán de Izalco
25 colóns
Verde
Cristovo Colón
Pirámide de Santo André
50 colóns
Morado
Cristovo Colón
Lago de Coatepeque
100 colóns
Verde
Cristovo Colón
Pirámide del Tazumal
200 colóns
Marrón
Cristovo Colón
Monumento ao Divino Salvador do Mundo

Moedas do colón salvadoreño

Moedas circulantes

As moedas emitidas na primeira serie circulante respondían aos valores faciais de 1, 2, 3, 5, 10, 25 (coñecida popularmente como peseta) e 50 centavos (tostón), aos que posteriormente se lles engadiu a moeda dun colón (suegra). Igual que ocorreu cos billetes, algúns destes valores foron desaparecendo co tempo e os que quedaron foron sufrindo modificacións no seu deseño e no seu tamaño.

Moedas circulantes de colóns salvadoreños
Imaxe Valor facial Motivo do anverso Imaxe Valor facial Motivo do anverso
1 centavo de colón salvadoreño
1 centavo
Francisco Morazán
10 centavos de colón salvadoreño
10 centavos
Francisco Morazán
2 centavos de colón salvadoreño
2 centavos
Francisco Morazán
25 centavos de colón salvadoreño
25 centavos
José Matías Delgado
3 centavos de colón salvadoreño
3 centavos
Francisco Morazán
50 centavos de colón salvadoreño
50 centavos
José Matías Delgado
5 centavos de colón salvadoreño
5 centavos
Francisco Morazán
un colón salvadoreño
1 colón
Cristovo Colón

Moedas conmemorativas

Ademais das moedas cuñadas para a súa posta en circulación ordinaria, realizáronse tamén emisións especiais para conmemorar acontecementos importantes como, por exemplo, o aniversario da independencia, a Descuberta de América ou os acordos de paz. A primeira emisión conmemorativa en colóns foi en 1925 para celebrar os 400 anos da fundación de San Salvador. Consonte o Diario Oficial, só se cuñaron cen moedas de ouro con valor facial de 20 colóns e dúas mil moedas en prata con valor dun colón, que foron distribuídas entre o Presidente da República, o corpo diplomático e outros altos cargos do Goberno.

400 anos da fundación de San Salvador (1925)
Imaxe Valor facial Motivo do anverso Composición
1 colón 1925
1 colón [7]
Pedro de Alvarado e Alfonso Quiñónez Molina (presidente da República no momento).
Prata

25 g

20 colones 1925
20 colóns [8]
Pedro de Alvarado e Alfonso Quiñónez Molina (presidente da República no momento).
Ouro

15,56 g

150 aniversario da independencia de Centroamérica (1971)
Imaxe Valor Motivo do anverso Composición
un colón 1971
1 colón [9]
"La Fecundidad", de Salvador Dalí.
Prata

2,3 g

5 colones 1971
5 colóns [10]
Monumento á independencia e José Simeón Cañas.
Prata

11,5 g

25 colones 1971
25 colóns [11]
"La Fecundidad", de Salvador Dalí.
Ouro

2,94 g

50 colones 1971
50 colóns [12]
Monumento á independencia e José Simeón Cañas.
Ouro

5,9 g

100 colones 1971
100 colóns [13]
O Salvador resaltado en América
Ouro

10,6 g

200 colones 1971
200 colóns [14]
Igrexa colonial de Panchimalco
Ouro

23,6 gr

XVII Reunión Anual. Asemblea de Gobernadores do BID (1977)
Imaxe Valor Motivo do anverso Composición
25 colón 1977
25 colóns [15]
Escudo Nacional do Salvador
Prata

25 g

250 colones 1925
250 colóns [16]
Escudo Nacional do Salvador
Ouro

15,56 g

Unión pola paz e Descuberta de América (1992)
Imaxe Valor Motivo do anverso Composición
150 colónes 1992
150 colóns [17]
Catro mans entrelazadas
Prata

25 g

150 colones 1992
150 colóns [18]
América e veleiros españois
Prata

25 g

Moedas e billetes non usados

Moeda de 5 colóns de 2000, coa que se conmemoraba o cambio de milenio.[19]

O Banco Central de Reserva investiu un millón e medio de dólares na fabricación de moedas bimetálicas de 5 colóns e billetes de 500 colóns, cuñadas as primeiras e impresos os segundos no Canadá no ano 1997. Porén, a aprobación pola Asemblea Lexislativa da Lei de Integración Monetaria a finais de 2000, que deu paso á "dolarización" del país, impediu a súa posta en circulación, xa que o contrario suporía unha violación da lei.[20][21][22]

A moeda de 5 colóns era bimetálica, de aceiro bañado en níquel no aro exterior e de aceiro bañado en bronce no centro, e a súa cuñaxe encargóuselle á Royal Canadian Mint (Real Casa da Moeda do Canadá), con dous deseños diferentes: no primeiro modelo, cuñado en 1997, conmemóranse as viaxes de Cristovo Colón, en tanto que no segundo, cuñado en 1999 pero que amosa a data de 2000, se celebra o cambio de milenio coa lenda SALVADOREÑOS DEL NUEVO MILENIO / EL RENACER DE NUESTRA PATRIA. Destas moedas cuñáronse seis millóns de unidades. Están dotadas dun relevo para que as persoas invidentes a poidan identificar doadamente. O seu diámetro é de 26 mm e o seu peso de 7,5 gramos.[19][23] Desta moeda coñécense uns poucos exemplares nas mans de coleccionistas locais, en tanto que nas bóvedas do BCR se conservan case trinta millóns de pezas.[20][22][24]

De xeito semellante, o BCR ten no seu poder 1.000 millóns de colóns en billetes co valor de 500 colóns que nunca chegaron a circular. O seu deseño é similar ao dos anteriores e nel amósase o sitio arqueolóxico de Joya de Cerén, unha marca de auga máis notable que a que se atopa nos dólares estadounidenses actualmente en circulación e outras medidas de seguridade para evitar falsificacións, como a incrustación de fíos de seguridade e microimpresións.[22][25]


Predecesor:
Peso salvadoreño
Colón salvadoreño
1892 - 2001
Sucesor:
Dólar estadounidense

Notas

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 "El dinero en El Salvador Arquivado 16 de marzo de 2020 en Wayback Machine.". Banco Central de Reserva de El Salvador.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Quintanilla, C. "El último suspiro del colón salvadoreño. Parte I: Un Poco de Historia". Billetes y Monedas de El Salvador.
  3. 3,0 3,1 3,2 "Estos son los billetes de colón que salieron hace 85 años en El Salvador". Elsalvador.com
  4. "¿Qué es el dinero?". Banco Central de Reserva de El Salvador.
  5. Quintanilla, C. "El último suspiro del colón salvadoreño. Parte II: El Nacimiento del Colón". Billetes y Monedas de El Salvador.
  6. 6,0 6,1 Quintanilla, C. "El último suspiro del colón salvadoreño. Parte III: Tiempos Modernos". Billetes y Monedas de El Salvador.
  7. "1 Colon: 400th Anniversary of San Salvador". Numista.
  8. "20 Colones: 400th Anniversary of San Salvador". Numista.
  9. "1 Colon: 150th Anniversary of Independence". Numista.
  10. "5 Colones: 150th Anniversary of Independence". Numista.
  11. "25 Colones: 150th Anniversary of Independence". Numista.
  12. "50 Colones: 150th Anniversary of Independence". Numista.
  13. "100 Colones: 150th Anniversary of Independence". Numista.
  14. "200 Colones: 150th Anniversary of Independence". Numista.
  15. "25 Colones: 18th Annual BID/IADB Governors' Assembly". Numista.
  16. "250 Colones: 18th Annual BID/IADB Governors' Assembly". Numista.
  17. "150 Colones United for Peace". Numista.
  18. "150 Colones Discovery of America". Numista.
  19. 19,0 19,1 "5 Colones: Y2K turn of the Millennium". Numista.
  20. 20,0 20,1 Quintanilla, C. "El último suspiro del colón salvadoreño. Parte IV: El último suspiro". Billetes y Monedas de El Salvador.
  21. González, S. Recordar el pasado es vivir el presente. Páxinas 47-48.
  22. 22,0 22,1 22,2 Trujillo, D. (2012). "País invirtió $1.5 mills. en colones inutilizados". En El Mundo. 13 de marzo de 2012. Páxina 27.
  23. "5 Colones: Columbus sailing to America". Numista.
  24. "BCR almacena billetes de 500 y monedas de 5 colones que no circularon en El Salvador Arquivado 05 de febreiro de 2020 en Wayback Machine.". En Las Noticias SV. 3 de maio de 2017.
  25. "Colones que siempre serán nuevos Arquivado 05 de febreiro de 2020 en Wayback Machine.". En Agendarte El Salvador. 25 de agosto de 2012.

Véxase tamén

Outros artigos

Bibliografía

  • Jovel, J. R. (1999). Historia numismática de El Salvador en el siglo XIX. 3 volumes. San Salvador. ISBN 9789992376386

Ligazóns externas