Colón é a capital da provinciapanameña de Colón, situada na costa caribeña de Panamá. A poboación estimada para 2016 é dunhas 206 553 persoas na súa conurbación, sendo a terceira concentración urbana máis poboada do país despois da cidade de Panamá e San Miguelito.[1][2] Está comunicada coa capital por medio da Estrada Transísmica (autoestrada Panamá-Colón), que a une coa costa do océano Pacífico en 78,9 km. É a segunda cidade máis poboada do Caribe de Centroamérica. O seu centro urbano ten uns 79 000 habitantes. Posúe un dos portos máis grandes de América Latina.
Colón está situada preto da entrada caribeña da Canle de Panamá. É de importancia comercial para o país debido á Zona Libre de Colón (a segunda máis grande do mundo) e pola actividade nos diferentes portos. É a principal entrada ao país polo Caribe.
Historia
A Compañía do ferrocarril de Panamá necesitaba unha terminal no Atlántico para construír o primeiro ferrocarril interoceánico no Novo Mundo e decidiron construír a terminal na illa de Manzanillo no lado leste da baía de Limón, a illa contaba con 650 acres (263 ha) ou aproximadamente unha milla cadrada. En maio de 1850 comezou a limpeza do terreo para a terminal Atlántica onde se localizaría no futuro Colón; non houbo ningunha cerimonia ou celebración pola iniciación dos traballos; os traballadores atopáronse cun pantano virxe, e o aire estaba ateigado de mosquitos de día e de noite. Nos traballos do ferrocarril viñeron traballadores xamaicanos, españois, antillanos, italianos, entre outros. Durante os seguintes meses non foi fácil o traballo na illa, pois achegábase a época chuviosa e os homes enfermaron de malaria ou disentería. En agosto de 1850 comezaron en firme os traballos da construción do ferrocarril na terminal do Atlántico.
Durante dous anos, o terminal Atlántico na illa de Manzanillo permaneceu sen nome. John Lloyd Stephens suxeriu chamala Aspinwall, por William Henry Aspinwall, un dos directores da Pacific Mail, empresa que financiaba a compañía do ferrocarril de Panamá. O 27 de febreiro de 1852 bautizouse e fundouse formalmente Colón. Encheuse unha sección pantanosa da illa, trazaron rúas, erixiron edificios e instalouse un tanque para o almacenamento de auga pura. Con todo, este porto bulicioso, por onde pasaban miles de viaxeiros cada ano, presentaba unha aparencia deplorable de abandono.
O nome do pobo deu lugar a unha longa e prolongada disputa. O Goberno e os cidadáns insistían en chamalo Colón, mentres que os estadounidenses aferrábanse á súa elección. O nome Aspinwall-Colón non satisfacía a ningunha das partes e este desacordo persistiu até 1890 cando o goberno colombiano terminou a controversia ao dar instrucións aos carteiros de regresar aos seus remitentes toda correspondencia dirixida a Aspinwall. Desde entón o nome oficial foi o de Colón.
A poboación en 1900 era de 3.000 persoas, pero creceu substancialmente pola construción da Canle de Panamá (31 203 habitantes en 1920).
En 1953, Colón foi transformado desde a rúa 16 cara aos Cuatro Altos nunha zona segregada para o comercio internacional sendo Zona Libre de Colón a primeira zona libre do mundo. As compañías que funcionan nela mercan produtos de Oriente e Europa e os seus maiores clientes proveñen de América Central e de América do Sur.
A partir do final da década de 1960, Colón entrou nunha brutal depresión económica. Durante o lustro de 2000-2005 mellorou o comercio e ampliouse a Zona Libre de Colón sobre todo na área de adegas de France Field.
Con todo, Colón é as cidade máis desenvolvida do Caribe panameño e do Caribe centroamericano.
Organización político-administrativa
Colón divídese en dous correxementos: Barrio Norte e Barrio Sur. Un sector desde a rúa 13 e avenida Meléndez cara ao suroccidente foi dada á zona libre, que administra esta área comercial. Colón comprende ademais o sector de 4 Altos, Cristóbal e a parte noroccidental do correxemento de Cativá.
Clima
O clima é tropical húmido cunha curta estación seca entre decembro e marzo, mentres que a húmida vai de marzo a decembro. De feito a estación seca non o é tanto pois no mes de xaneiro (o máis seco) cae 39 mm de choiva, converténdoa na cidade máis chuviosa de Panamá.
Mellander, Gustavo A.; Nelly Maldonado Mellander (1999). Charles Edward Magoon: The Panama Years. Río Piedras, Porto Rico: Editorial Plaza Mayor. ISBN 1-56328-155-4. OCLC 42970390.
Mellander, Gustavo A. (1971). The United States in Panamanian Politics: The Intriguing Formative Years. Danville, Ill.: Interstate Publishers. OCLC 138568.