Clara Immerwahr nada en Polkendorf (daquela pertencente ao Reino de Prusia) o 21 de xuño de 1870 e finada en Dahlem, Berlín o 2 de maio de 1915, foi unha química alemá de orixe xudía, sendo a primeira muller en doutorarse pola Universidade de Wroclaw. Ademais, era a esposa do químico alemán Fritz Haber, coñecido principalmente polo desenvolvemento do proceso Haber-Bosch, un método eficaz para a síntese de amoníaco.
Traxectoria
Immerwahr era a filla máis nova de pais xudeus, o químico Philipp Immerwahr e a súa esposa Anna (de solteira Krohn). Creceu na granxa cos seus tres irmáns máis vellos, Elli, Rose e Paul. En 1890, a súa nai morreu de cancro; mentres Elli e o seu marido Siegfried quedaban na granxa, Clara trasladouse co seu pai a Wroclaw.
Estudou na Universidade de Wroclaw, graduándose e doutorándose en química en 1900. Foi a primeira muller en doutorarse nesta universidade.[1] Casou co seu compañeiro químico xudeu Fritz Haber en 1901. O 1 de xuño de 1902 deu a luz ao seu único fillo, Hermann.[2] Os estereotipos femininos da época dificultaron moito a súa investigación científica. Ela contribuíu ao traballo do seu marido sen ningún recoñecemento e traduciu as súas obras ao inglés.
Durante a primeira guerra mundial, Fritz Haber converteuse nun fervente defensor do esforzo militar alemán e xogou un papel importante no desenvolvemento de armas químicas (especialmente gases velenosos). Os seus esforzos culminaron no primeiro ataque con gas na historia militar en Flandres, Bélxica, o 22 de abril de 1915 .
Despois do regreso de Fritz Haber a Berlín, Clara disparouse no peito coa pistola do seu marido. As circunstancias do suicidio de Clara permaneceron sempre na escuridade. Non apareceu en case ningún xornal e non hai constancia de que se fixera unha autopsia. O carácter indocumentado da súa morte xerou moita polémica, así como os motivos que a impulsaron a cometer tal acto. Pénsase que estaba descontenta coa súa vida e que odiaba o traballo do seu marido sobre armas químicas.
Recoñecementos
O Premio Clara Immerwahr, creado por UniCat, Berlín, Alemaña, concédese anualmente a unha moza científica[3], e a Sección Alemá de Médicos Internacionais para a Prevención da Guerra Nuclear nomeou o seu premio máis prestixioso como Premio Clara Immerwahr. [3]
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas