China é o berce dunha das civilizacións continuas máis antigas do mundo, presente en estados e culturas que se remontan até seis milenios atrás. Posúe o sistema de escritura de uso continuo máis antigo e foi o lugar onde se produciron numerosos inventos de moita importancia, tanto é así que o erudito británicoJoseph Needham denominou as "catro grandes invencións da China Antiga": o papel, o compás, a pólvora e a imprenta. Historicamente, a esfera cultural da China estendeuse a través do leste de Asia en todas as súas formas: a súa relixión, os seus costumes e o seu sistema de escritura foron adoptados en diversos graos polos seus veciños, tales como o Xapón, Corea e Vietnam.
A primeira evidencia de presenza humana na rexión encontrouse na cova de Zhoukoudian, e é un dos primeiros espécimes do Homo erectus, que é máis coñecido como o home de Pequín, e que se estima que viviu aproximadamente entre 300.000 e 550.000 anos atrás.