Chalé de Canido

Chalé de Canido
Chalé de Canido en Ferrol
Edificio
Estiloeclecticismo e modernismo
LocalizaciónFerrol
Coordenadas43°29′09″N 8°14′21″O / 43.485875753668, -8.2392860300707
Propietariogrupo «La Penela»
Construción
Inicio1921
Remate1925
Dimensións
Superficie740 m²
Plantas4
Equipo
Arquitecto(s)Rodolfo Ucha Piñeiro
PromotorJuan Sixto Vázquez
editar datos en Wikidata ]

O chalé de Canido é un edificio singular situado no barrio de Canido en Ferrol. Foi proxectado e executado entre os anos 1921 e 1925 por Rodolfo Ucha para o industrial Juan Sixto Vázquez.

Historia

Tendo pensado regresar á súa terra, Ferrol, Juan Sixto Vázquez, emigrante galego nado no Seixo (Mugardos) que fixo fortuna en Cuba a finais do século e foi propietario, xunto aos seus irmáns, dos grandes almacéns da Habana Fin de Siglo,[1] encargoulle en 1921 a Rodolfo Ucha que, por entón era arquitecto municipal de Ferrol, o proxecto dunha vila representativa do seu éxito nos negocios en Ultramar que, con todo, non chegaría a habitar definitivamente.[2][3]

Descrición

Coñecido como Chalé de Canido, trátase do máis voluminoso edificio de vivenda unifamiliar proxectado por Rodolfo Ucha Piñeiro en Ferrol, cunha torre que resulta o elemento máis singular e rechamante do conxunto.[4] É probable que o ecléctico deseño desta casa de indianos, con certo resaibo rexionalista pero sen unha unidade de estilo específica entre os seus diferentes elementos e na que se advirte certa desproporción de volumes, respondese ao capricho do propietario promotor da obra,[5] que fixo modificar varias veces os planos, influído por algúns deseños de moda do momento, mesturándoos todos.[2][4]

O principal elemento compositivo é unha torre monumental de catro alturas cun remate de aspecto de pirámide truncada, cunha mansarda faiada e uns pináculos en cada esquina. Á torre súmanse varios volumes aos lados con galerías exteriores apoiadas ben sobre ménsulas de granito ou sobre columnas de ferro fundido, cuxa horizontalidade compensa timidamente a prominente verticalidade da torre.[4] A superficie total edificada é de 740 m².[6] Conta tamén cun xardín de 4 000 m² que chegou a estar poboado por diversas especies vexetais exóticas, incluíndo as palmeiras que lembraban a paisaxe habanera.[3] O edificio permaneceu abandonado desde 2009, o que lle ocasionou unha notable decadencia, perdendo parte da ornamentación da fachada, a rotura de numerosos cristais e o roubo de elementos decorativos no interior.[3] En 2017 foi adquirido por un grupo empresarial de Betanzos dedicado á hostalaría que proxecta a súa restauración total entre 2025 e 2026.[6][7][8]

Notas

  1. Picado, José (2 de outubro de 2026). "El chalé indiano de Canido". La Voz de Galicia (en español) (A Coruña). Consultado o 10 de xaneiro de 2025. 
  2. 2,0 2,1 Burgoa, Juan José (14 de xullo de 2019). "Joaquín Jofre Maristany y Juan Sixto Vázquez". La Voz de Galicia (en español) (Ferrol). Consultado o 10 de xaneiro de 2025. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Burgoa, Juan José (8 de novembro de 2017). "El chalet de Canido. ¿Quizás la solución menos mala?". La Voz de Galicia (en español) (Ferrol). Consultado o 10 de xaneiro de 2025. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Castelo Álvarez, Bernardo (2000). Ferrol: morfología urbana y arquitectura civil, 1900-1940 (1ª ed.). A Coruña: Universidade da Coruña. pp. 336–339. ISBN 84-95322-74-9. 
  5. Gamundi F., Bores (Coord. 2000). Casas de indianos (PDF) (en español) (1 ed.). pp. 221–224. ISBN 84-453-2803-4. Consultado o 10 de xaneiro de 2025. 
  6. 6,0 6,1 Hermida, Patricia (25 de outubro de 2023). "El chalé de Canido se convertirá en un hotel con encanto en 2025: “Es un símbolo de Ferrol”". La Voz de Galicia (en español) (A Coruña). Consultado o 10 de xaneiro de 2025. 
  7. Burgoa, Juan José (25 de outubro de 2017). "El grupo La Penela compra el chalet de Canido para convertirlo en un hotel". Diario de Ferrol (Grupo La Capital). Consultado o 10 de xaneiro de 2025. 
  8. de Antonio, Ana (16 de xaneiro de 2024). "El grupo La Penela aterriza en Ferrol con su primer ‘hotel boutique’ en el chalé de Canido". El Español (Quincemil). Consultado o 10 de xaneiro de 2025. 

Véxase tamén

Outros artigos