O relevo do cabo forma unha península cun istmo formado por litoloxía de xistos do Sistema de Ordes que presentan unha superficie de tipo chaira de rasa mariña.
A costa é accidentada e abrupta, sendo posible a práctica da pesca. Próximas ao faro, hai varias praias limpas e espazosas, San Xurxo, ou Vilar, Santa Comba e Ponzos, concorridas durante a época estival, momento no que aumenta sensiblemente a poboación de Covas, a aldea máis próxima a 3,5 km, ao ser zona de veraneo. Covas é unha península flanqueada por areais, unha extensa planicie, na que se asenta a poboación e os campos de cultivo.
O faro de cabo Prior atópase a 14 km de Ferrol, alén dos montes de Serantes. Para chegar a el abandónase Ferrol e vaise ascendendo sempre a pendente ata remontar o cume que chaman a Bailadora, onde se inicia o descenso ata Covas e a subida ata o faro. Comezou a funcionar o 1 de marzo de 1953.