É unha común árbore ornamental nas rúas e xardíns urbanos de Galiza.
Descrición
É unha árbore de follas caedizas 15 a 18 m de altura, cun toro de até 1 m de diámetro, coa casca pardo cinsenta. As follas son grandes, acorazonadas, de 2 a 3 dm de lonxitude e 1,5 a 2 dm de largo. As flores son de 2 a 4 cm, a xeito de trompeta, abrancazadas con tacas amarelas e violetas, en panículas de entre 20 a 40.
O froito é unha vaíña grande e longa (lembra aos legumes) de 2 a 4 dm de longo e 8 a 10 mm de diámetro, que fican nas pólas polo inverno. As vaíñas teñen numerosas sementes pardas achatadas con dúas ás delgadas.
Está emparentada coa Catalpa speciosa (Catalpa do norte), que se distingue polas panículas florais, con flores máis miúdas e máis numerosas.
Cultivo e usos
Úsase moito coma ornamental, tanto en pés illados coma formando fileiras nas rúas e avenidas. Atura a seca mais gusta dos solos húmidos e do sol. Tense naturalizado en todo o mundo. É unha especie que atura ben a polución. Por todos estes motivos é unha especie axeitada coma ornamental en Galiza.
A madeira é moi boa e dura, polo que o seu traballo non é doada; úsase moito para postes e travesas do camiño de ferro.
O nome deriva dos catawba americanos nativos dos Estados Unidos de América que a chamaban de catawba (o uso de Catalpa é un erro de transcrición do botánicoScopoli, que fixo a primeira descrición formal do xénero).