Castelo de San Diego

Castelo de San Diego
Coordenadas43°21′22″N 8°23′30″O / 43.35618, -8.39164
Estilo arquitectónico
editar datos en Wikidata ]
Plano do castelo de San Diego a finais do século XVIII.

O castelo de San Diego foi un recinto fortificado situado á entrada da baía da Coruña. Foi construído entre 1606 e 1636, e xunto co castelo de Santo Antón formaba parte do complexo defensivo da cidade. Inicialmente chamouse castelo de San Gaspar, aínda que a partir de 1644 xa se coñeceu como castelo de San Diego.[1]

Segundo a descrición do cronista José Cornide, tratábase dunha construción poligonal adaptada ao saínte rochoso no que se asentaba, con dúas plataformas de artillaría e distintas dependencias agrupadas no centro, nas que se atopaban os corpos de garda, o almacén, a capela, a polvoreira e o cuartel. Este forte abaluartado contaba cunha dotación artilleira de 30 canóns.[1]

Nas crónicas do ataque franco-holandés á Coruña en 1639 (guerra franco-española de 1635-1659) xa se falaba da eficacia desta nova fortificación e da súa efectividade artilleira contra a escuadra do almirante Sourdis. Como barreira defensiva adicional, entre o castelo de San Diego e o castelo de Santo Antón tendíase unha cadea que bloqueaba o acceso ao porto da cidade.[1]

En 1963 o castelo de San Diego foi derruído co obxectivo de ampliar as instalacións portuarias, modificándose o litoral neste lugar para a construción dun peirao petroleiro.[2]

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 Fernández, Carlos (23 de decembro de 2000). "El castillo de San Diego fue demolido hace 35 años para ampliar los muelles". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 1 de abril de 2021. 
  2. "Castelo de San Diego: El castillo con el que acabó el petróleo". La Opinion A Coruña (en castelán). Consultado o 1 de abril de 2021. 

Véxase tamén

Ligazóns externas